Os artistas galegos acompañan a Mariza, Rodrigo Leão, Ricardo Ribeiro ou Waldmar Bastos.
Dende o ano 2001 o goberno portugués e a Fundación Calouste Gulbekian veñen organizando en Londres o festival Atlantic Waves, concebido como unha mostra do máis importante da música portuguesa e lusófona para o mercado anglosaxón. Nesta ocasión, e por vez primeira, a música galega estará representada neste festival, a través de Uxía e Berrogüetto, que actuarán o 4 de novembro ás sete e media da tarde no Bush Hall.
O programa de concertos abriuse o pasado sábado 1 de novembro, coa actuación de Mariza. Despois da 'noite galega' deste martes, chegarán os Gaiteiros de Lisboa, o mércores 5. O xoves 6 o ex Madredeus Rodrigo Leão compartirá escenario coa mítica banda de Manchester The Durruti Column.
O domingo nove será a quenda de Rabih Abou-Khalil, un intérprete libanés de oud, unha especie de laúde. Vén de publicar o seu último disco, Em Português, no que inclúe cancións de autores portugueses contemporáneos, como Mário Rainho, Tiago Torres da Silva, Rui Manuel e José Luís Gordo. Estará acompañado do novísimo fadista Ricardo Ribeiro.
O día seguinte chegará a música brasileira a Londres, co concerto de Vinicius Cantuária e Mafalda Arnauth. O festival pecharase o martes 11 co angolano Waldemar Bastos e o mozambicano Neco Novellas.
A noite sevillana foi galega
Entre o mércores e o domingo Galiza foi protagonista en Sevilla, no Womex. A música galega contou cun atractivo stand baixo a marca GalicianTunes, con ampla información sobre música galega, e que funcionou como un espazo para que as empresas galegas do sector abran vías de negocio. Womex08 é unha das citas máis importantes, pola relevancia, identidade propia e recoñecemento internacional coa que neste ano conta a música galega dentro das músicas do mundo ou ‘world music'. Trátase do maior evento profesional e comercial neste tipo de música. Na edición de 2007 asistiron 1.400 empresas de 90 países e as actividades foron cubertas por 350 xornalistas acreditados.
O gran momento da participación galega foi a noite do sábado, a Galician Focus Night, que levou á céntrica Praza de España da capital andaluza a Mutenrohi e a Xosé Manuel Budiño, e ao Teatro Lope de Vega a Narf. Os tres concertos foron un éxito, tanto pola presenza de público como pola rececpción que tivo a música galega.