O presidente norteamericano quere que nela participen potencias emerxentes como China e a India.
EEUU ten previsto acoller un cumio de líderes mundiais para coordinar unha resposta global ante as turbulencias financeiras actuais, e que podería celebrarse antes de finais de novembro e á que a Casa Branca quere tamén que acudan China e India.Bush fixo este anuncio despues de reunirse en Camp David co presendente francés, Nicolas Sarkozy, e o da Comisión Europea (CE), Jose Manuel Durãou Barroso, con quen abordou a crise financeira internacional e as súas solucións. Sarkozy e Barroso chegaron a EEUU procedentes de Canadá, onde pediron a celebración dun cume de urxencia do G-8 (Estados Unidos, Canadá, Xapón, Rusia, Alemania, Francia, Italia e Reino Unido).
"É esencial que traballemos xuntos, porque estamos xuntos nesta crise", subliñou Bush. O mandatario desexa unha cimeira na que tanto líderes de países desenvolvidos como de países en vías de desenvolvemento participen e propoñan ideas, segundo informaron fontes do Goberno estadounidense. O secretario xeral de Nacións Unidas, Ban Ki-Moon, ofreceu a sé da ONU en Nova York para celebrala.
Horas antes da reunión entre Bush, Sarkozy e Barroso, a Casa Branca asegurou que os plans de rescate son "suficientemente ousados" como para que funcionen. O presidente estadounidense, George Bush, fixo onte un novo chamamento á calma durante a súa alocución radiofónica semanal, aínda que tamén recordou aos seus compatriotas que as medidas adoptadas nas últimas semanas tardarán algún tempo en facer efecto. O inquilino da Casa Branca dixo estar convencido de que a longo prazo a economía estadounidense se recuperará e prometeulles aos inversores do país que o desembarco do Goberno na banca, parcialmente nacionalizada, será temporal.
Pola súa banda, o presidente francés, que ocupa a presidencia rotatoria da UE, instou a reformar institucións multilaterales como o Fondo Monetario Internacional.