A. Rodríguez - 09:00 20/10/2008
O Estado español podería pechar o ano cunha taxa de paro do 11,2%, a máis alta da Unión Europea, ao situarse nos 3,9 puntos porcentuais por riba da media comunitaria, segundo os datos do Euroíndice Laboral, elaborado pola empresa
Adecco e a
IESE Business School de Navarra.
Nos últimos tres meses do ano o número total parados podería chegar aos 2.586.000, un 34,2% máis de hai xusto un ano, e o nivel máis alto da última década. Segundo estas estimacións, sería a primeira vez, dende a crise de 1993, que o Estado Español acompañe a Portugal na listaxe dos países da UE que non reduciron o número de desempregados. Con diferenzas de só unha ou dúas décimas, a taxa de emprego a nivel estatal está estancada dende hai cinco meses, e prevese que esta situación siga empeorando, tamén en Galiza onde, aínda que seguimos mantendo unhas taxas por baixo da media estatal, a situación podería empeorar conforme avancen os meses.
Que está na base disto?Na base desta situación está a crise financeira que estamos a vivir. Hai quen lle bota a culpa ao capital especulativo, o que se deu en chamar capitalismo feroz, capitalismo agresivo, capitalismo salvaxe... Dende os sindicatos coinciden en sinalar que non se pode manter unha actitude pasiva, e que a quen hai que axudar, máis que ás grandes entidades financeiras, é aos traballadores, que son os que sempre terminan por ter que apertar o propio cinto, e os que teñen que pagar casa, coche e varios créditos.
Dende a patronal, porén, sinalan que as pequenas empresas tamén precisan axuda, porque sen ela, terán que reducir a súa produción, e con ela o seu número de empregados. Para saber como están as cousas, Vieiros falou cos tres sindicatos maioritarios en Galiza (
UXT,
CCOO e
CIG) e coa patronal (
Rede Galega de Empresas).