Segundo Emilio Pérez Touriño, non se descarta empregar esta ferramenta nas circunstancias económicas actuais, posibilidade sobre a que a Xunta decide estes días.
Logo de insistir no "superávit e rigor" co que, segundo defendeu Emilio Pérez Touriño, se deseñaron as contas en anos anteriores, o presidente da Xunta admitiu a posibilidade que cara a 2009 o Goberno decida recorrer ao déficit nos orzamentos para o ano próximo. A posibilidade quedou aberta esta mesma semana, onde a xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira, estabeleceu a beizón para que os gobernos poidan botar man dun déficit de até o 1% do PIB.
Touriño subliñou que as contas do ano anterior permiten afrontar os próximos orzamentos, cuxo proxecto deberá ser presentado o próximo xoves, coa intención de "facer agora un presuposto á altura das necesidades". Ao fío, o presidente trasladou a preocupación pola negativa do goberno español á transferencia da cantidade acordado ao respecto da débeda sanitaria, máis aínda nun momento en que a Xunta, asegurou Touriño, ten intención de incrementar o gasto sanitario.
Con todo, e malia prometer que o Goberno seguirá dando "batalla" fronte a Madrid para recibir ese anticipo sanitario, o presidente dixo comprender a posición do executivo estatal. "Buscaremos nos presupostos o xeito de resolvelo", dixo, mais reiterou ao respecto: "Queda aberto o camiño do endebedamento".