A vicepresidenta do territorio veciño presenta a Eurorrexión e a eurocidade Chaves-Verín como modelos de cooperación transfronteiriza.
Ana Teresa Lehmann
A vicepresidenta da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N) de Portugal -ente que, a nivel estatístico, na UE é o equivalente a unha comunidade autónoma- considera que a relación co noso país é un modelo a seguir no eido de cooperación transfronteiriza.
Ana Teresa Lehmann expuxo a súa visión esta cuarta feira en Bruxelas, durante un relatorio da Semana Europea das Rexións e das Cidades que acolle estes días a 'capital' da UE, segundo informan os medios portugueses. Concretamente, a representante da CCDR-N salientou dous exemplos: a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), órgano xurídico da Eurorrexión; e a eurocidade Chaves-Verín, proxecto innovador que procura a xestión compartida de equipamentos e servizos.
"O AECT vai permitir dinamizar con novos folgos e máis eficacia a consecución concreta dos obxectivos definidos no plan estratéxico Galiza-Norte de Portugal", dixo Lehmann, que engadiu que esta "non se limita a proxectos de cooperación transfronteiriza financiados a nivel europeo".
"Profundo enraizamento das comunidades"
Respecto da eurocidade, sinalou que "non nace da nada, non é unha decisión política abstracta, vén do profundo enraizamento das comunidades, é o recoñecemento dunha realidade que xa existe, mais que pode ser profundada".
Lehmann salientou neste senso que tanto o AECT como a eurocidade "están a crear grande interese nas rexións europeas. "Estamos a ter moitos eloxios porque recoñecen que a cooperación Galiza-Norte de Portugal é das mais interesantes de Europa", apuntou, e recordou que en 2007 o 48% dos pasos transfronteirizos entre os estados portugués e español produciuse na Eurorrexión.