Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
CONVENIO

Innovación e Agasol promoverán o software libre entre o empresariado

A consellaría e a asociación de empresas de software libre acordaron organizar actividades de difusión do código aberto cun investimento de 20 mil euros.

Redacción - 17:30 09/10/2008

A Consellaría de Innovación e Industria e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) asinaron un convenio de colaboración para a difusión das tecnoloxías de código aberto entre o tecido empresarial do país. A iniciativa, promovida dende o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, ten unha contía de 20 mil euros.

O convenio sitúase no marco do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información, máis coñecido como Pegsi, que ten entre os seus obxectivos promover a implantación de aplicacións de código aberto e impulsar o desenvolvemento económico sustentábel.

Agasol será a responsábel de achegarlles ás empresas do país as vantaxes do software libre, mediante presentacións e a distribución de material promocional. Por parte de Agasol asinou o convenio o seu presidente, Xavier Vázquez. En representación da consellaría estiveron a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, o coordinador de Mancomún, Xesús Benítez Baleato, e mais o xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico, Xosé Lois Villasante.

Unha das primeiras actuacións do convenio será o ciclo de relatorios O software libre e a crise, que se prevé arranque o 14 de outubro na Coruña e vaia percorrendo as diferentes cámaras de comercio e confederacións empresariais das principais cidades.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: