A "grave perda de dereitos" que significa a modificación lexislativa en materia laboral introducida recentemente na Unión Europea, centra as reclamacións da CIG este martes.
As sete principais cidades e o Concello de Cervo, na Mariña, acollen as concentracións da Confederación Intersindical Galega para esta terza feira. A nova directiva europea sobre tempo de traballo centrará as queixas. A norma, aprobada polo Consello de Ministros da UE no mes de xullo, redefine ese concepto de traballo introducindo dúas novas categorías que favorecen a dispoñibilidade dos traballadores en interese do empresariado.
A CIG considera que se trata de modificacións "inaceptábeis" que van estabelecer un "grave retroceso" para os dereitos e as condicións laborais da clase traballadora. Advirten ademais de que se zoupará na conciliación da vida laboral e familiar, e acusan de "cinismo" ás autoridades europeas por argumentaren que se "favorecería" esa conciliación.
| CONCENTRACIÓNS |
| A Mariña: Ás 11:00 horas no Concello de Cervo. |
| A Coruña: Ás 12:00 horas, diante da Subdelegación do goberno español |
| Ferrol: Ás 12:00 horas diante do edificio da Xunta de Galiza na Praza de España. |
| Lugo: Ás 12:30 horas diante da subdelegación do goberno español |
| Ourense: Ás 11:30 diante do edificio sindical |
| Pontevedra: Ás 12:30 horas diante da subdelegación do goberno español |
| Santiago: Ás 12:30 h na Praza de Galiza. |
| Vigo: Ás 12:00 horas, saída de diante do pavillón do Berbés. |