O grupo Citizen Lab descubriu que se pode acceder libremente a unha base de datos con información persoal de internautas chineses.
Un grupo de investigación canadense, Citizen Lab, descubriu que o goberno chinés está a controlar as conversas que os seus cidadáns fan a través do programa Skype. Os investigadores atoparon unha base de datos pública con miles de palabras "politicamente sensíbeis" bloqueadas por China, ademais de datos persoais dos usuarios.
Skype, empresa mercada polo portal de poxas eBay, recoñeceu que sabía que os seus socios chineses, Tom, filtraban os datos, pero descoñecía que se puidese acceder libremente a esa información.
Na base de datos gardábanse máis de 150 mil mensaxes con palabras como "democracia" ou "Tíbet" e frases relacionadas co ilegalizado movemento espiritual Falun Gong. As mensaxes instantáneas están almacenadas en servidores web accesíbeis publicamente, segundo Citizen Lab.
Aínda que na China hai un importante uso da internet, as autoridades impídenlles aos cidadáns acceder a páxinas que consideran politicamente 'perigosas'. Grupos de defensa dos dereitos humanos criticaron o feito de que compañías occidentais, como Google, Microsoft ou Yahoo, aceptasen cumprir coas restricións chinesas.