O goberno español aproba as cifras para 2009 pensando no "delicado momento" da economía. O BNG considera que o gasto social contemplado non é de abondo.
O goberno español aprobou esta sexta feira a Lei dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) de 2009, os máis austeros en moitos anos, caracterizados por un incremento no gasto en partidas como as dedicadas ao desemprego, ás infraestruturas, ao investimento en I+D+i ou a dependencia.
Para o goberno español, as contas do vindeiro ano correspóndense co "delicado momento" que atravesa a economía estatal, de aí que se trate duns orzamentos xustos e "rigorosos", que concentran os gastos nos sectores que "máis poden contribuír á recuperación da actividade, ao tempo que presentan un marcado "carácter solidario".
O executivo sinalou que estes orzamentos hanse aplicar nun escenario económico complexo, o do 2009, no que continuará o reaxuste da construción residencial, con condicións monetarias e financeiras "complicadas" e con "baixos" crecementos económicos nos países da contorna. Porén, falan tamén das "fortalezas" da economía española (solidez do sistema financeiro, esforzo de capitalización, competitividade das empresas, moderación salarial e contas públicas saneadas) e das medidas que han tomar que, segundo dixeron dende o executivo español, axudarán a recuperar os ritmos de crecemento da economía.
As contas
Segundo as previsións do goberno español, as contas do vindeiro ano han pechar cun déficit público do 1,5 do PIB. Até os 17 mil millóns de euros, unha décima menos do déficit previsto para este ano. Isto obrigará ao executivo a presentar un plan económico e financeiro de reequilibrio.
Os ingresos non financeiros do Estado situaranse nos 141.100 millóns de euros (supoñen unha décima menos da previsión de liquidación para 2008), mentres que os gastos non financeiros estarán nos 157.607 millóns de euros (incuídos os dous mil millóns destinados á prestación por desemprego), o que representa un incremento do 3,3 por cento (un crecemento lixeiramente por baixo do PIB nominal, que está no 3,5 por cento).
Mantemento dos ingresos do Estado, aínda que haxa crise
O ministro de Economía e Facenda, Pedro Solbes, explicou que a previsión de manter os ingresos do ano que vén, a pesar da crise, débese ao "groso" do axuste orzamentario provocado polo descenso da actividade económica que se produciu este ano. Ademais, salientan que o ano que vén non se vai repetir o impacto que tiveron as medidas fiscais aplicadas este ano, entre rebaixas de impostos e melloras da liquidez, que han supoñer, este ano, unha inxección a familias empresas de máis de 21 mil millóns de euros.
En concreto, o goberno español estima uns ingresos tributarios de 189.584 millóns de euros (un 1,8% máis que este ano), mentres que os non tributarios hanse situar nos 12.803 millóns de euros (unha caída do 12% sobre a estimación de liquidación deste ano).
A onde irán os cartos, prioritariamente
As partidas prioritarias para 2009 serán para as infraestruturas, que crecerán un 4,5%, até os 22.120 millóns de euros; un investimento en I+D+i, cun incremento do 6,7% (8.192 millóns de euros) e as prestacións por desemprego, que se incrementarán nun 24,4% (19.292 millóns de euros) debido á escalada do número de desempregados.