O PPdeG volve a deitar dúbidas sobre a transparencia do proceso e o BNG retrúcalle que hai un cargo 'popular' encausado polas adxudicacións anteriores.
Cando falta cada vez menos para que se coñezan as adxudicacións eólicas (agárdase que se resolva en novembro), a batalla política acentúase. Este mércores o debate volveu ao Parlamento e houbo sonoras labazadas dialécticas. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, defendeu o concurso e asegurou que se vai resolver con responsabilidade e transparencia. Antes de que Touriño defendera na tribuna o concurso que leva adiante a Consellaría de Industria, o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, pediu que se reiniciase todo o proceso ao considerar que hai numerosas irregularidades.
Núñez Feijoo considera que as empresas privadas non poden levar o 100% das concesións. O 'popular' demanda que o 20% da enerxía eólica sirva para financiar os concellos. Os conservadores consideran que a Xunta ten moita présa por sacar adiante unhas concesións con “máis sospeitas que garantías”. Para Feijoo é evidente que o Goberno quere deixar “atado” o proceso antes das eleccións, a pesar de que “até 2016 non van estar operativas as novas instalacións”.
A polémica chegou a tal grao que Feijoo afirmou dende o estrado, dirixíndose os deputados nacionalistas Carlos Aymerich e Bieito Lobeira, que “algúns rin por que lles vai ir ben”. Diante destas palabras, Aymerich tomou a palabra para advertir que polo de agora non hai ningún membros de Industria nin do BNG encausado por adxudicar magavatios. A continuación Aymerich lembrou o caso de Luis Castro Valdiviesa, que está a ser investigado por presunto tráfico de influencias canda o seu cuñado, Ramón Ordás Badía, que foi director xeral do goberno Fraga entre 1999 e 2005.