Da crise financeira á crise alimentaria. Os problemas do mundo son distintos dependendo dende que hemisferio se observen.
Da crise financeira á crise alimentaria. Os problemas do mundo son distintos dependendo dende que hemisferio se observen. Ban Ki-Moon inaugurou este martes a 63ª Asemblea Xeral da ONU cun discurso crítico sobre a fe que algúns lle profesan á "maxia dos mercados". Ofrecémoslles un pequeno resumo do máis salientábel das intervencións dos primeiros xefes de Estado e de Goberno en comparecer nunha xuntanza que se estenderá deica o vindeiro 1 de outubro.
Lula da Silva, presidente do Brasil
O mandatario brasileiro abriu a rolda de intervencións este martes. Pediu unha resposta para a crise financeira mundial e criticou os subsidios agrícolas e as barreiras comerciais impostas polos países ricos: "Un suposto nacionalismo populista que algúns pretenden identificar e criticar no sur do mundo é practicado sen constricións nos países ricos". Ademais, criticou a asociación que se fai entre a suba do prezo dos alimentos e a produción de biocombustíbeis.
George W Bush, presidente de Estados Unidos
Na súa despedida da Asemblea Xeral da ONU, o estadounidense pasou con pés de la sobre o tema da crise e centrouse na loita do seu goberno por "democratizar" o mundo: "Algunhas nacións, incluídas Siria e Irán, continuan a patrocinar o terrorismo; Nacións Unidas debe permanecer vixilante", advertiu.
Nicolás Sarkozy, presidente de Francia
O xefe do Estado francés propuxo organizar unha cimeira de líderes mundiais para finais de ano, co fin de examinar a crise. Sarkozy pediu tamén unha ampliación do G8 (grupo que conxuga os países máis industrializados e de maior influencia política), para incluír China, México, Brasil, India e Suráfrica.
Gloria Macapagal Arroyo, presidenta das Filipinas
"A incerteza económica avanza como un tsunami en todo o mundo, anulando os progresos logrados non só en Manhattan senón tamén en illas como as Filipinas", expuxo a máxima mandataria do arquipélago asiático. Por outra banda, declarou "alto e claro" o compromiso do seu goberno para a resolución pacífica do conflito de Mindanao (rexión separatista do sur de maioría musulmá).
Hamad ben Khalifa Al Thani, emir de Qatar
O xeque apostou no seu discurso por unha "paz positiva" e animou os membros da ONU a acadar esta paz con "actos" e non só con "arelas". Para isto, sinalou Al Thani, cómpre estabelecer e promover a xustiza económica e social "para todos".
Ellen Johnson Sirleaf, presidenta de Liberia
A líder liberiana recoñeceu a contribución de Nixeria na pacificación do país. Ademais, agradeceulle á Comunidade Económica dos Estados da África Occidental (ECOWAS/CEDEAO, en inglés/francés) a súa colaboración pasada e actual, tanto económica como militar, para a estabilización de Liberia. No entanto, recordoulle á Asemblea que dous terzos dos liberianos viven baixo o limiar da pobreza, cifra que se agrava aínda máis no rural.
Abdullah Gül, presidente de Turquía
O mandatario turco ofreceu o "apoio firme" do seu país ás negociacións que lidera a ONU, encamiñadas a conseguir a reunificación das comunidades grega e turca da illa de Chipre.
Cristina Fernández, presidenta de Arxentina
Fernández acusou a Estados Unidos de traizoar os principios de libre mercado cunha actitude intervencionista. "Díxosenos aos países de América do Sur que o mercado todo o solucionaría. Porén, prodúcese a intervención estatal máis memorábel da que se teña memoria", sinalou. Ademais, apostou pola reforma da ONU para lle dar "operatividade". Anunciou a creación da Iniciativa Latinoamericana para a Identificación dos Desaparecidos", instalando bancos de identidade xenética. Pediulles aos países membros que non esquecesen o conflito das Illas Malvinas, para que se lle exixa ao Reino Unido que "acceda a cumprir o dereito internacional". E, por último, amparou o proceso democrático en Bolivia.
Marc Ravalomanana, presidente de Madagascar
"Os países pobres non poden romper o ciclo da pobreza; as familias teñen dificultades para se alimentar, a xente aínda ten un acceso moi limitado á auga potábel e a servizos sanitarios", expuxo o presidente de Madagascar, que fixo un chamamento aos países doadores para "cumprir as súas promesas" e "demostrar o seu liderado" explicándolles aos seus respectivos pobos por que a loita contra a pobreza e a consecución dos Obxectivos do Milenio son "esenciais" para crear un mundo en paz.
Boris Tadic, presidente de Serbia
Tadic fixo un chamamento á Asemblea para que secunden e amparen a petición realizada por Serbia á Corte Internacional de Xustiza co fin de que se pronuncie sobre a declaración unilateral de independencia en Cosova. "Votar en contra significa aceptar que non se pode facer nada cando secesionistas en calquera parte do mundo proclaman a singularidade da súa causa, e piden unha excepción para o alcance universal da lei internacional", dixo o presidente serbio.
Jakaya Mrisho Kikwete, presidente de Tanzania
O tamén presidente da Unión Africana (UA) dixo traer "unha mensaxe de esperanza e optimismo procedente de África". Segundo Kikwete os países africanos están a lograr importantes avances para se adaptar á democracia, respectar os dereitos humanos, eliminar a corrupción e fortalecer as súas economías. "África xa no é o caso desesperado que cren algúns", dixo, aínda que recoñeceu que fica moito por facer para impulsar a capacidade da UA na prevención e resolución de conflitos.
Hadj Omar Bongo Ondimba, presidente de Gabón
Ondimba salientou que a aplicación de "medidas preferenciais" no comercio e as restricións das importacións (intervencionismo e proteccionismo) axudaron nos países africanos a paliar en parte a dramática suba dos prezos dos alimentos básicos, e o consecuente desabastecemento. Ademais, considerou clave a colaboración internacional para conseguir a seguridade alimentaria.
Tarja Halonen, presidenta de Finlandia
A finesa adheriuse á declaración efectuada pola UE en referencia ao retos "imprevistos" que afronta o mundo, tal como o cambio climático e a crise alimentaria. "Precisamos de todo o mundo" para afrontar estes problemas, advertiu. Os países industrializados, dixo, deben responsabilizarse de frear o cambio climático, mais cómpre a participación dos países en desenvolvemento. E apuntou tamén que son mulleres e crianzas quen sofren máis pola suba dos prezos dos alimentos.
Haris Silajdžić, presidente de Bosnia-Herzegovina
"É responsabilidade desta organización actuar correctamente. Doutro xeito a celebración do 60º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos ficará ensombrecida", sinalou o líder bosnio en referencia ao proceso contra o ex presidente da República Serbia de Bosnia, Radovan Karadžić, e ao xenocidio de Srebrenica.
Paul Kagame, presidente de Ruanda
Kagame resaltou a "maior estabilidade e paz" existente en África Oriental e Ruanda, cun crecemento económico baseado no incremento dos investimentos. Salientou, ademais, a participación das mulleres na vida política do país, cun parlamento que viu incrementada a súa presenza de 49 a 55 deputadas nos últimos comicios.
Valdas Adamkus, presidente de Lituania
Adamkus falou do fracaso do Protocolo de Quioto e dos Obxectivos do Milenio, e recordou que cando subira a esa mesma tribuna hai dez anos, a lista de asuntos que era urxente resolver eran os mesmos. No entanto, dixo, afróntanse de xeito diferente: "Temos máis preocupacións que hai unha década. Hoxe sentímonos menos seguros. A estrutura do sistema internacional parece estar crebando". Ademais, considerou que a ONU non actuou correctamente no conflito en Xeorxia debido á súa "debilidade".
Mahmud Ahmadineyad, presidente de Irán
O iraniano presaxiou "a fin do imperio americano", en referencia a EUA, e advertiu de que os próximos mandatarios deste país "deben limitar a súa interferencia ás súas propias fronteiras". Ademais, defendeu "o inalienábel dereito de todas as nacións a producir enerxía nuclear para fins pacíficos", e recordou os 60 anos de "matanza e invasión dos sionistas" sufridos polo pobo palestino. Mentres, apuntou, dende a chegada das forzas da OTAN a Afganistán medrou a produción de drogas.
Michel Sleiman, presidente do Líbano
O dirixente libanés centrou o seu discurso no conflito que durante anos mantén co veciño Estado de Israel. Salientou que aínda que hai progresos -despois de sufrir dúas invasións, coa consecuente perda de vidas e de infraestruturas- queda pendente que o goberno israelí cumpra varias resolucións da ONU que fan referencia a territorios ocupados, ou á entrega dos mapas de minas e bombas deixadas polo Exército en territorio libanés.
Mwai Kibaki, presidente de Kenya
"Kenya recuperou a súa gloria e redimiu a súa imaxe como unha nación pacífica, un destino turístico seguro e un lugar para investir grazas aos esforzos humanitarios e pola paz", afirmou Kibaki. Neste senso, agradeceu o labor do ex secretario xeral da ONU, Kofi Annan, na resolución do conflito no país. Referiuse a outros que actualmente se viven na rexión, tal como o de Somalia, do que dixo, non está a recibir a suficiente atención e apoio da comunidade internacional.
Martín Torrijos , presidente de Panamá
O presidente panameño Martín Torrijos propuxo unha cruzada para loitar contra o fame: "En virtude dos prezos dos alimentos, atopámonos ante unha ameaza á paz social". Ademais, preguntouse por que "se o mundo produce suficiente comida para todos, 854 millóns de persoas atópanse en estado de inseguridade alimentaria e máis de 1.700 millóns padecen deficiencias de ferro".
Yoweri Museveni, presidente de Uganda
A crise global, considerou Museveni, ofrece unha oportunidade económica para algúns países, especialmente os da África Ecuatorial, para impulsar a súa produción agrícola. Ademais, explicou que os avances tecnolóxicos efectuados polo seu país permitíronlles medrar economicamente un 9% no ano 2007.
Bharrat Jagdeo, presidente de Güiana
Jagdeo afirmou que o sistema financeiro mundial afronta "a proba máis severa que se recorda". "A actual crise é sistémica de natureza, histórica en escala e global en alcance", afirmou, e recoñeceu que economías pequenas como a de Güiana, aínda que non están completamente integradas neste sistema, tamén sofren as súas consecuencias (redución de exportacións, baixada do turismo).
Mijaíl Saakashvili, presidente de Xeorxia
O xeorxiano, como era de esperar, centrou o seu discurso no conflito que mantén o seu país con Rusia, sete semanas despois de que este se fixese patente. Saakashvili prometeu facer a guerra non con armas senón "con valores", e pediulles aos membros da ONU que seguisen coa política de non recoñecemento de Osetia do Sur e Abkhazia como países independentes. Ademais, mostrouse favorábel a realizar unha investigación das causas do conflito e as súas consecuencias.
Evo Morales, presidente de Bolivia
O presidente boliviano denunciou a constante inxerencia de EUA no seu país, e acusou directamente a embaixada norteamericana en La Paz de provocar os episodios de violencia do último mes. Neste senso criticou que mentres gobernos de América e de Europa condenaron os actos dos grupos opositores, este non foi o caso da Administración estadounidense. Por outra banda, afirmou que o capitalismo será incapaz de protexer ao mundo dos moitos problemas existentes tal como a crise económica global, o cambio climático e a pobreza. Neste senso, reiterou a súa receita de "dez mandamentos" para salvar á humanidade, entre os que salientan a "erradicación do sistema capitalista", "vivir en harmonía coa natureza e en igualdade", e a "nacionalización dos servizos básicos".
Hifikepunye Lucas Pohamba, presidente de Namibia
Pohamba explicou que as reformas económicas levadas a cabo no seu país e nos do seu entorno lograron incrementar o comercio e abrir as portas aos investimentos e ao turismo. No entanto, considerou que este progreso se ve eivado pola baixa produtividade agrícola e polos conflitos políticos, e constatou ademais a dependencia das nacións africanas na xeración de enerxía.
Yayi Boni, presidente de Benín
O máximo mandatario de Benín expuxo o seu convencemento de que se a asistencia fose "máis efectiva e eficiente", esta debería de estar dirixida cara a retos "máis persistentes", tal como o acceso a augas limpas e a servizos sanitarios, o aumento de material médico e a loita contra a pobreza extrema.