Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANTONIA LUNA, PROFESORA DE GALEGO EN BOS AIRES

"Eu non o verei, pero o reintegracionismo vai prender"

Fundadora de Amigos do Idioma Galego e mestra de galego integrado na Arxentina, Antonia Luna (85 anos) visita estes días Noia, a vila dos seus pais. Vexa o vídeo no interior.

Isabel G. Couso - 13:38 21/09/2008

Antonia é galega malia que non naceu aquí. Fíxoo en 1923 en Bos Aires, onde reside hoxe e onde exerce de embaixadora da nosa cultura. Filla do presidente fundador da Sociedade dos Fillos do Partido Xudicial de Noia en Bos Aires, o seu achegamento a todo o que tivese o galego como definición foi un xeito de evolución natural. De nena xa recitaba poemas de Rosalía ou Cabanillas, e case que aprendeu a ler coa única páxina galega que os domingos incorporaba o xornal "Correo de Galicia". Estes foron os seus primeiros contactos coa nosa lingua, un idioma que, por certo, non empregaban os seus pais acotío, empuxados por un contexto laboral eminentemente formado por arxentinos e italianos: "o meu pai era zapateiro e non empregaba o galego porque non tivo a oportunidade, emigrou con oito anos e xa non tiña ninguén con quen falalo", relata Antonia.

Aquelas foron as orixes, mais os vencellos de Antonia Luna coa nosa lingua estreitáronse co paso dos anos: hai agora 31 inscribiuse no seu primeiro curso no Centro Galego de Bos Aires, lugar onde coñecería ao seu mestre, entón e agora, Hixinio Martínez Estévez. El introduciuna no interese polo galego integrado, xa que o outro, para Antonia, non é máis que "castrapo, un galego arruinado". Dende entón até hoxe, o traballo pola lingua que exerce esta muller na Arxentina non atopou freo. De alumna pasou a mestra e hoxe colabora na Federación de Sociedades Galegas no ensino do galego. Teñen uns 50 alumnos, interesados todos eles no coñecemento do galego "non deturpado polos hispanofalantes", se ben os máis atopan dificultades e lamentan que ese "non sexa o galego que falaban os seus avós". Neste camiño, Antonia mesmo viviu a expulsión do Centro Galego de Bos Aires a onde "nos prohibiron a entrada porque eramos reintegracionistas, non querían esa historia porque xa ían mestres dende Galiza pagados pola Administración para ensinar o galego da Xunta (...) foi unha decisión tomada por cuestións políticas".

O galego e o lunfardo
Pero as achegas de Antonia ao estudo da nosa cultura non remataron aí. Fundadora de Amigos do Idioma Galego, no seu interese en profundar na nosa lingua participou en diferentes congresos. Nun deles recompilou o traballo levado a cabo por profesores de galego en Bos Aires. Noutro, aproximouse a unha cuestión ben descoñecida: fixo unha recolleita dunhas 80 palabras procedentes do galego – portugués que quedaron na lingua lunfarda (argot de orixe popular que hoxe aínda se fala no Río da Prata). Termos como gaiola (por cárcere) ou tamanco (por zapato ou zanco) entre outras de orixe galega empréganse aínda hoxe en contextos menos cultos desta rexión arxentina.

Expectativas para o futuro
Antonia ven agora de pasar uns días en Noia onde a súa familia. De aquí tamén levou terra galega, da horta da súa nai (da Barquiña) e da do seu pai (de Albariza), unha terra que hoxe preside a súa casa bonaerense e que lle recorda aos parenets, a Noia e a Galiza, un país do que lle costa moito irse. Aquí regresa cada tres anos e hoxe asegura que é máis optimista co futuro da nosa lingua: "a partir do ano 1976 eu percibo moita máis xente falando galego, hoxe fálao toda a xente nova". En canto ao futuro do reintegracionismo, Antonia tamén asegura estar esperanzada: "eu sinto que hai moito interese, na Arxentina falámolo, iso si, como sabemos (...) penso que acá se está loitando moi en serio, alá os que loitamos somos nós".


Ligazóns

4,44/5 (50 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: