Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Acuicultura a debate

As piscifactorías de Corvo e Foxo Longo serán un dos maiores atentados ecolóxico

As piscifactorías de Corvo de 250.000 m2 e Foxo Longo de 240.000 m2 serán os maiores atentados mediambientais cometidos no Concello de Ribadeo no caso de levarse a cabo. As piscifactoría de Corvo próxima á parroquia de Piñeira ocupa unha zona costeira de indubidable valor ecolóxico e que sen embargo non está protexida pola Rede Natura.

ADEGA - 11:00 13/09/2008

O feito de que non estea protexida non quere dicir que non reúna os requisitos para pertencer a ela. De feito ocupa un espazo de costa de Kilómetro e medio de litoral que está rodeado de áreas protexidas (LIC As Catedrais e LIC Ría de Ribadeo).

Este espazo forma un burato dentro da Rede Natura co único obxectivo de abalar as prácticas de destrucción do territorio que supoñen as macropiscifactorías industriais.

De construirse esta piscifactoría as augas desta zona recibirán millóns de metros cúbicos anuais de augas sen depurar directamente, a caño libre, perxudicando aos recursos pesqueiros do noso litoral.

A piscifactoría limitará cara o oeste por enteiro coa Rede Natura e habida conta que os prados ao oeste do proxecto si están protexidos e dispoñen dunha vexetación exactamente igual aos afectados polo proxecto, cabe preguntarse que intereses son os que defende a Xunta de Galiza, os intereses públicos dos cidadáns ou os intereses de determinadas empresas multinacionais que se enriquecen a costa de enormes cantidades de subvencións públicas pagadas cos cartos de todos e todas.

A piscifactoría de Foxo Longo preto da poboación de Rinlo (tamén dentro do Concello de Ribadeo) supón na mesma medida un atentado ecolóxico. Rodeada polo norte e polo oeste pola Rede Natura (LIC As Catedrais). A Consellería de Pesca defende que estas piscifactorías teñen todas as garantías medioambientais, sen embargo a realidade é ben tozuda e desminte as mensaxes propagandísticas da administración.

Esta macropiscifactoría de grandes dimensións vai verter directamente enormes cantidades de augas residuais sen depurar, e vainas verter na zona próxima á costa de Rinlo que en Outubro de 2007, a Consellería de Medio Ambiente propuxo para a próxima ampliación da Rede Natura.

Dende ADEGA estamos convencidos de que esta ampliación vai efectivizarse cando os proxectos máis impactantes deste deplorable plano acuícola estean redactados para librarse dos requisitos ambientais que suporía contaminar as augas protexidas.

O que non nos vai quitar ninguén son os impactos ambientais haxa ou non haxa Rede Natura aprobada. Hai que preguntarlle aos habitantes do fermoso pobo de Rinlo se queren ver as augas próximas ás súas casas contaminadas, ao turismo fuxir da vila e aos recursos pesqueiros diminuir, porque só mobilizándose contra este Plano Acuícola se librarán dos perniciosos efectos de ver inundado o seu territorio con 24 hectáreas de cemento.

Outra cuestión a destacar é que na documentación do Plano de Acuicultura non consta ningunha información sobre a flora e a fauna dos lugares afectados. A escasa análise da flora e da fauna do Plano remítese á recopilación de datos bibliográficos sobre os espazos da Rede Natura colindantes coas zonas do proxecto.

Neste escueto listado aparecen numerosas especies protexidas pola diversa lexislación sen que este feito teña ningunha repercusión nas conclusións de cada emprazamento. Resulta lamentable que para elaborar o Plano de Acuicultura non se examinara "in situ" ningún dos espazos propostos e se limite a análise á recopilación bibliográfica sobre as zonas cercanas.

Os feitos son teimudos e desminten as acusacións dos políticos. Hai uns días puidemos comprobar como se xulgaba a ADEGA por defender a nosa terra dos atentados ecolóxicos que pretendían cometerse en Rinlo e dos que hoxe aínda non estamos libres. Os atentados ecolóxicos son perniciosos goberne o Partido Popular ou o PSOE-BNG.

ADEGA e os veciños afectados continuaremos na nosa loita contra este irracional Plano Acuícola caia quen caia até que sexa retirado e reformulado.

Esta é unha loita que protagonizan principalmente os veciños pero é unha loita contra a destrucción do territorio que nos pertence a todos e a todas.

Os postos de traballo (625 para o total da Mariña) prometidos pola Conselleira de Pesca hai varios días non son máis que fume.

Como boa política en seguida vende postos de traballo que non aparecen avaliados nin contrastados en ningún documento oficial aprobado.

Esta lotería de cifras non nos vai tocar, é unha promesa sen fundamento habida conta que estas instalacións están moi automatizadas e apenas necesitan man de obra para sacar a producción adiante. Os escasos postos de traballo creados terán ademais salarios de miseria como sucede actualmente nas piscifactorías da Costa da Morte onde os sindicatos mesmo denuncian prácticas de "mobbing" aos traballadores, ademais dunhas condicións laborais deplorables e en deterioro constante.

Non se contabilizan tampouco os postos de traballo que destruirán estas instalacións facendo fuxir ao turismo das zonas afectadas e reducindo os recursos pesqueiros e marisqueiros.

ADEGA quere facer un chamamento á xente de ben de toda a Mariña, aos que lles preocupa a destrucción do entorno máis próximo onde viven e pídelles que tomen partido activamente na resolución deste problema importante como é o Plano de Acuicultura. A mellor forma de implicarse é chamando por telefone á Sede Central de ADEGA en Santiago de Compostela ou enviando un correo electrónico ao adega@adega.info para que podamos poñer aos cidadáns en contacto coas persoas opostas ao Plano de Acuicultura máis cercanas á súa localidade.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: