O presidente de Bolivia acusa o diplomático de conspirar contra a democracia e de buscar a división territorial do país.
"Que marche canto antes", dixo Evo Morales despois de declarar persoa non grata ao embaixador dos EUA en La Paz, Philip Goldberg. O presidente boliviano acúsao de buscar a división territorial do país e de estar detrás das protestas e tomas de oficinas públicas coas que a oposición reclama a autonomía de varias rexións.
Precisamente, unhas horas antes de que Morales anunciase esta decisión, Bolivia viviu un atentado contra o maior gasoduto do país. A explosión, rexistrada no sur, obrigou a reducir nun 10% as exportacións de gas natural a Brasil. Días antes, os opositares asaltaron uns 22 edificios públicos en Santa Cruz e Tarija, unhas zonas especialmente ricas en recursos enerxéticos. Pola contra, grupos de colonos e campesiños que apoian a Morales contestaron co cerco a varios departamentos, o que pon de manifesto a escalada do grao de tensión que se vive nesta zona do país.
Evo Morales asegurou que o embaixador Philip Goldberg está detrás das protestas, que conspira contra a futura constitución socialista e que apoia os desexos independentistas que reclaman a autonomía de Santa Cruz, Beni, Pando, Tarija e Chuquisaca. En referencia á expulsión do país, o presidente boliviano asegurou que non quere "persoas que atenten contra a democracia". Ademais aseverou que a decisión, que foi aclamada polos asistentes, é unha homenaxe "á loita histórica" do pobo boliviano contra o modelo neoliberal e contra toda forma de inxerencia estranxeira.