A firma da Coruña céntrase na plataforma Gnome/Maemo, que empregan dispositivos da compañía Nokia, e pretende aplicar o seu traballo á sociedade galega.
Pantalla de Vagalume nun Nokia N810 / Flickr: Andrew Currie
A empresa coruñesa de enxeñaría informática Igalia, especializada en software libre, desenvolve un proxecto de mellora de servizos para usuarios de dispositivos móbiles. Concretamente, está a mellorar aspectos como o navegador web, o xestor de correo e aplicacións multimedia da plataforma Gnome/Maemo. A Consellaría de Industria concedeulle unha axuda de 56.000 euros a un traballo que prevé estar rematado a finais de ano.
A subvención forma parte do Programa de Sociedade da Información do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (Incite). Co proxecto, Igalia ofrecerá unha solución baseada en software libre para que os aparatos móbiles conteñan servizos cada vez máis completos e se desenvolvan dispositivos de baixo custo e coa potencia necesaria para satisfacer as necesidades dos usuarios. Isto ten especial importancia en Galiza, onde se requiren solucións de comunicacións sen fíos e en dispositivos móbiles, debido á configuración territorial e demográfica do país.
O proxecto baséase na tecnoloxía Gnome/Maemo, que emprega software libre. A plataforma é utilizada por compañías como Nokia e adaptada por outras como Intel ou Openmoko. Os resultados terán unha aplicabilidade máis ampla e poderán reutilizarse noutro tipo de dispostivos grazas a enmarcarse dentro da plataforma Gnome, que inclúe solucións para os escritorios de ordenadores persoais, principalmente baixo o sistema operativo GNU/Linux.
Como exemplo de aplicacións desenvolvidas por Igalia para Maemo atópanse proxecto Tinymail/Modest, xestor de correo oficial na última versión do software oficial dos tablets Nokia, ou a aplicación multimedia Vagalume, un dos programas de terceiros máis usados neses dispositivos e que permite interactuar e escoitar música da rede social Last.fm.