Durante a presentación en Muros dunha exposición itinerante coa que o BNG repasa as principais medidas tomadas dende as áreas que goberna, Ana Pontón animou aos participantes a incrementar o seu apoio para que os cambios se consoliden.
Esta iniciativa, propia dunha campaña política, está a percorrer os diferentes concellos galegos nun tráiler que se converte nunha exposición e ten por obxecto repasar as medidas achegadas polo BNG na Xunta durante esta lexislatura.
Desta volta Transformando Galiza recalou en Muros, onde o responsable comarcal Xosé León e a deputada no parlamento, Ana Pontón, subliñaron a importancia de amosar o labor dos nacionalistas e establecer un diálogo coa sociedade. Ambos os dous coincidiron en destacar a chegada do BNG ao goberno como un "feito histórico" impulsor dun auténtico cambio. Tamén animaron aos visitantes da mostra a incrementar o seu apoio para que os cambios iniciados se consoliden e "poder marcar novos obxectivos que melloren a calidade de vida dos galegos".
Críticas á visita de Zapatero
Para o Bloque nacionalista Galego a visita efectuada a Galiza polo presidente do Goberno "ten un carácter protocolario e propagandístico", cuestión que critica o voceiro nacionalista no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, quen lamenta que se tivera "desaproveitado" esta oportunidade para satisfacer as demandas da sociedade galega.
Doutra banda, Jorquera subliña que o 8% dos orzamentos non é suficiente para cumprir cos prazos do AVE. Neste sentido, o BNG considera imprescindíbel que haxa un importante incremento nos próximos orzamentos para poder cumprir cos prazos comprometidos das grandes infraestruturas do Estado en Galiza.