Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
INFORME DO PEW RESEARCH CENTER

Os estadounidenses xa se informan máis nos xornais dixitais ca nos impresos

A rede é o medio informativo habitual para o 37% dos habitantes, superando en tres puntos aos que len prensa de papel regularmente.

Marcos S. Pérez - 10:45 24/08/2008

Estamos vivindo a fin da era do papel? Nos Estados Unidos parece que iso xa é un feito. Dende hai tres décadas a audiencia dos xornais escritos decrece continuamente, ao tempo que medra a dos medios dixitais. Un informe publicado polo Pew Research Center, un dos centros de investigación máis respectados do país, apunta que xa son máis os norteamericanos que se informan de xeito habitual a través da rede que os que o fan nos medios escritos.

O 37% dos cidadáns consultan medios xornalísticos dixitais con frecuencia, aumentando dende o 31% que o facían no 2006 ou o 25% do 2002. Naquel 2002 a prensa escrita aínda mantiña un 41% da audiencia, unhas cifras que mantiñan estábeis no 2006, pero que nos últimos dous anos caeron de forma brusca até o 34% actual. Os xornais dixitais superan igualmente á radio (35% da audiencia) e só son menos seguidos que as televisións por cabo (39%) e as emisións televisivas locais (52%).

Estas tendencias víñanse advertindo de xeito moi claro nos últimos anos, especialmente entre os menores de 40 anos, nos que os medios dixitais hai tempo que superaran aos escritos. Porén, agora o predominio de internet é xeral en todos os grupos de idade. O que tamén recolle este estudo é un preocupante aumento das persoas que non se informan por ningún medio de comunicación, pasando do 154 ao 19 por cento na última década. Esta desafección é máis acentuada entre os menores de 25 anos, entre os que chega ao 34%, e os menores de 35 anos, nos que supera o vinte por cento.

Nos Estados Unidos a aposta das cabeceiras tradicionais pola mellora das súas edicións dixitais é unha constante nos últimos anos, e de feito as súas webs convertéronse en espazos publicitarios privilexiados, crecendo exponencialmente, ano a ano, os seus ingresos económicos. Tamén no Estado Español, aínda que máis de vagar, a rede vaise convertendo nun espazo informativo privilexiado, sobre todo entre os lectores máis novos: no EGM de primavera, publicado en abril, por primeira vez hai máis "usuarios diarios da rede" que "lectores diarios de prensa escrita" entre os menores de 25 anos. E entre os cidadáns entre 25 e 35 anos, ambas cifras de consumo comezan a estar moi próximas.

As cabeceiras de prensa tradicionais comezan a decatarse de que non fabrican papel, senón información e que non importa tanto o soporte no que se insira. Xa o advertía Manuel Castells en 'A Galaxia Internet', "se non vos ocupades da rede, a rede ocuparase de vós".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: