O conselleiro de Economía do Goberno cre que se o petróleo non aumenta máis, a inflación en Galiza manterase en niveis "razoábeis".
O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, valorou hoxe o "bo dato mensual" en Galicia do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) en xullo, cunha redución de sete décimas con respecto ao mes anterior, e atribuíu o "mal dato" da inflación rexistrada no que vai de ano (5,6%) ao compoñente enerxético.
O titular de Economía manifestou que a inflación interanual está "moi vinculada" ao compoñente enerxético, atribuíndo a este factor un 2,4 por cento do dato global no que vai de ano, xa que o pasado mes de xullo o prezo do barril alcanzou o seu máximo histórico con 145 dólares.
Neste sentido, Fernández Antonio explicou que en xullo de 2007 o prezo medio do barril de cru situouse nos 76 dólares, mentres que no mesmo mes de 2008 alcanzou os 133 dólares de media.
O conselleiro estimou que "se se mantén" o prezo actual do barril de petróleo, a inflación na Comunidade galega a final de ano situarase nun 4 por cento. "É o razoábel", aseverou, á vez que matizou que "sería bo" ese dato para Galiza.