O PP ferrolán di que os atrasos cos accesos ao porto exterior son exemplo dos incumprimentos e denuncia que o presidente da Xunta colabore na "burla" á comarca.
Logo de anteriores incumprimentos, os accesos ao porto exterior de Ferrol anunciáranse para o segundo semestre de 2007, posteriormente para a primavera de 2008. A continuación díxose que un primeiro treito quedaría aberto o pasado mes de xuño. Agora comunican que en outubro se abrirá completo... Unha galería de incumprimentos que, segundo o deputado ferrolán Diego Calvo Pouso (PPdeG), é "unha burla" para a bisbarra.
"A día de hoxe podemos afirmar que Emilio Pérez Touriño mentiu deliberadamente o pasado 20 de xuño cando anunciou que a estrada a Caneliñas estaría finalizada en outubro", afirmou este mércores Calvo Pouso, criticando o atraso que acumulan as obras. En opinión do PpdeG, os traballos non avanzaron máis por falta de vontade política e interese do goberno español. Calvo repróchalle ao presidente do Goberno que pase máis tempo "xustificando os atrasos de Fomento" que "esixindo maior axilidade nas obras".