Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A OBRA TEATRAL DE 'VOLTA E DALLE'

'Pan' xa é un libro-CD

A compañía presentou este xoves en Allariz o texto, editado por Sotelo Blanco. Ademais, representará a obra o sábado, no marco da Festa da Fornada.

Redacción - 09:30 08/08/2008

Pan está composta por catro pezas breves sobre a malla do trigo, cada unha delas cun director distinto: X. Henrique Rivadulla Corcón, Nazaret López, Carlos Santiago e Lucho Penabade. Como o pan, é unha obra de autoría colectiva. A obra é unha proposta escénica que mestura teatro e danza, así como a música ao vivo, interpretada por Mini e Mero, convertidos igualmente en actores. O peso da representación correspóndelle a Comba Campoy, María Lado, Pepe Penabade, Luís Iglesia e Alfonso Romeo.

Segundo Carlos Santiago, "a malla é un pretexto simbólico que se refire ao esforzo colectivo e á perda do mundo rural". Non obstante, o público non debe acudir pensando que vai ver unha obra etnográfica, senón un espectáculo violento que axite o público e lle faga sacar conclusións. O obxectivo da peza é lograr que o público se faga preguntas e que aprenda que o pan ten unha orixe, dentro do criterio da compañía polo cal o teatro só serve como medio de comunicación.

Este xoves presentouse en Allariz o libro-cd editado por Sotelo Blanco a partir da obra. Ao acto asistirán o editor, Olegario Sotelo Blanco; o coordinador da Fundación Manuel María da Terra Chá, Alfonso Blanco Torrado, e a concelleira de Cultura de Allariz, Teresa Devesa, así como varios actores da compañía que coa colaboración dos veciños e veciñas de Queiroás recrearán escenas da malla. Ademais, Volta e Dálle presentará o espectáculo no Campo da Barreira de Allariz este sábado ás 23 horas, dentro dos actos da Festa da Fornada que se celebra ese día.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'A sega', de Carlos Santiago

'A sementeira', de Nazaret López

Cartaz de 'Pan'
Cartaz de 'Pan'