O Constitucional rexeitou ilegalizar o partido no poder, o AKP (Partido da Xustiza e o Desenvolvemento), mais vaille aplicar unha sanción financeira.
O AKP (Partido da Xustiza e o Desenvolvemento nas súas siglas en turco) librouse da ilegalización, despois dun proceso aberto no Tribunal Constitucional de Turquía, que durou apenas un mes, e no que se ditou sentenza en tres días.
Deste xeito, o AKP (partido islamita, o máis votado nas últimas eleccións, as de 2007, cun 47% dos sufraxios, e no poder dende 2002) líbrase dun castigo do apartado laico do Estado, co que leva anos loitando polo poder, no que se incluía a petición da inhabilitación para a política, durante cinco anos, do primeiro ministro, Recep Tayyip Erdogan; do presidente da República, Abdulá Gül; e doutros 69 altos cargos do goberno, do Parlamento ou da dirección do partido.
Unha sentenza favorábel para o islamismo moderado turco
O Constitucional só tardou tres días en emitir unha sentenza (esencialmente favorábel para o islamismo moderado turco), dunha causa que se instruíu en só un mes.
O veredicto pon fin a catro meses de incerteza política e económica que estiveron mesmo a piques de arruinar as expectativas de ingreso de Turquía da UE, e que fixeron que os inversores internacionais fuxisen da Bolsa turca.
Esta cuarta feira de tarde, o presidente do Constitucional, Hasim Kilic, compareceu ante a prensa para anunciar a sentenza, e contou que só 6 dos 11 maxistrados do alto tribunal votaron a favor da demanda de ilegalización, presentada o pasado 14 de marzo polo fiscal do Tribunal Supremo, un menos dos esixidos pola lei turca para disolver un partido político.
Estado Laico vs. Islamismo
A loita polo poder en Turquía enfronta o aparato laico do Estado (xuíces, altos funcionarios, profesores universitarios e altos cargos das forzas armadas) contra os partidos islamitas, e plasmouse en tres golpes de Estados e dous intentos militares dende 1960.
Coa chegada ao goberno do AKP, os turcos "occidentalizados", os europeístas e os simpatizantes e militantes do laico Partido Republicano do Pobo (a principal oposición) enchéronse de desconfianza, acusando ao seu líder, Recep Tayyip Erdogan, de ter unha axenda secreta para islamizar Turquía. Mais Erdogan segue a chamar á unidade do seu pobo, salvando a crise que se produciu o mes pasado, cando o Constitucional anulou a autorización do uso de veo islámico nas universidades que dera o goberno.