Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
A sentenza fixa 50 mil EUROS

Navantia terá que indemnizar a familia dun traballador falecido por asbestose

Afonso Paz morreu por exposición ao amianto durante os anos que traballou na Bazán. Ferrol é unha das cidades europeas con maior cifra de enfermos por amianto.

Redacción / EP - 14:00 30/07/2008

Navantia terá que indemnizar con 50.000 euros a familia dun antigo traballador dos estaleiros da Bazán en Ferrol, Alfonso Paz Collado, que morreu no ano 2006 por mor da asbestose. A doenza fóralle provocada pola exposición ao amianto durante a súa etapa laboral.

O traballador faleceu en maio de 2006, despois de décadas de traballo como mecánico axustador. No ano 2005 a Seguridade Social xa declarara a súa incapacidade absoluta por asbestose. A familia de Paz Collado reclamoulle a Navantia unha indemnización de 180.000 euros por danos e prexuízos, que o xuíz titular da sala do Social número 2 de Ferrol, Eloy Fernández Lafuente, rebaixou até os 50.000 euros.

O xuízo quedara visto para sentenza o pasado mes de maio, despois da demanda interposta en outubro de 2007 pola muller e o fillo do falecido. A sentenza recoñece que o traballador "estivo exposto e inhalou po de amianto tanto nos talleres como cando traballaba a bordo", segundo informou o gabinete xurídico de Comisións Obreiras, que representou a parte demandante.

No gabinete xurídico da Unión Comarcal de Ferrolterra aínda queda case un cento de casos pendentes de interpoñer novas demandas contra o grupo naval público por enfermidade ou falecemento a causa da exposición ao amianto.

Un informe elaborado por CCOO advirte de que Ferrol é unha das cidades industriais de Europa con maior cifra de enfermos por amianto. A bisbarra rexistra cinco casos anuais de mesotelioma por cada 100.000 habitantes, cando no resto do Estado se produce un caso anual por cada millón de persoas. Segundo resalta o estudio, o mesotelioma é un tumor case específico da exposición ao amianto.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: