Os científicos estiman que no Círculo Polar Ártico se agochan 90.000 millóns de barrís de petróleo.
Noruega, Rusia, Canadá, Dinamarca... e, como non? Estados Unidos. A Inspección Xeolóxica estadounidense (USGS) sospeita que no fondo do Ártico hai uns 1.670 billóns de pés cúbicos de gas natural e uns 90.000 millóns de barrís de petróleo, o que cubriría a demanda mundial para un período de tres anos. Este dato non pasa desapercibido para ningunha potencia, e moito menos para os países próximos ao polo.
Segundo o diario Financial Times, os científicos consideran que o Ártico pode ter o 13% das reservas mundiais de petróleo aínda por descubrir e, aínda máis, o 84% destes recursos enerxéticos poderíanse atopar a pouca distancia da costa.As grandes potencias estanse a refregar as mans, sobre todo, tendo en conta que hai unha semana que o goberno estadounidense levantou a prohibición vixente por 17 anos que impedía a perforación nas costas do seu territorio. Ábrese así a veda para extraer o petróleo e iníciase, ou reábrese, a loita polo Círculo Polar Ártico.
Guerra polo Ártico
Rusia xa colocou unha bandeira baixo o Polo Norte o ano pasado e reclamou a súa soberanía. Noruega prepara un informe; os daneses traballan en Groenlandia e Canadá leva cinco anos recadando datos sobre o seu leito mariño para esixirllo á ONU. Todos están detrás do petróleo e non queren quedar fora do reparto, sen embargo a actual é unha situación de indefinición.
O fondo do Polo Norte non é considerado actualmente territorio de ningún país nin tampouco son augas internacionais. A súa administración corresponde á Autoridade Internacional dos Fondos Mariños. Ademais, a súa explotación depende do desxeo dos casquetes polares, unha consecuencia directa do cambio climático. Polo momento, os países implicados pactaron rexirse pola Convención da ONU sobre o dereito do mar, sen embargo todos están xa a tomar posicións. O futuro desvelará quen se proclamará gañador nesta nova guerra polo petróleo.