Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PRESENTASE A CURTA 'GALICIA 2098'

"Vasme deixar morrer aquí?"

O filme amosa unha Galiza futurista na que a lingua desapareceu e o derradeiro galegofalante é exhibido nun museo.

Marcos S. Pérez - 09:30 23/07/2008

O 17 de maio apareceu na rede o trailer de Galicia 2098. O tema que se suxería, unha Galiza do futuro, dentro de noventa anos, na que non mudara gran cousa, pero na que desaparecera a lingua, xerou polémica, comentarios e discusións. "Supoño que agora haberá a mesma polémica", di Edu Lavandeira, o seu director. "Agora vese mellor que no trailer o que quero contar, a oposición entre dous mundos que se enfrontan, a distinta actitude do galegofalante e do castelanfalante. No final da curta, gravada no Marco de Vigo, este derradeiro galegofalante pregúntalle a un dos visitantes se o vai deixar morrer alí.

Esmorece o galego? Existe un perigo real de que desapareza completamente nunhas poucas décadas? "No meu ambiente, entre a xente nova de Vigo, por exemplo, non se fala galego, e o mesmo pasa na Coruña: moitos mozos seguramente nin o saben falar nin o entenden sequera", afirma o director, que defende que o obxectivo do filme é mover a conciencia da xente sobre o asunto.

Preguntado sobre se unha posición tan pesimista sobre o futuro da lingua pode resultar contraproducente, afastando do idioma a posíbeis novos falantes, Lavandeira é claro: "e falo da realidade que vexo ao meu redor, na que a situación é esa: nalgúns ámbitos non é que o galego vaia desaparecer, é que xa desapareceu". A curta péchase coas declaracións realizada o pasado ano por Xosé Ramón Barreiro, presidente da RAG, nas que alertaba de que o galego estaba esmorecendo; "ademais, fronte a estas visións, sempre hai outras máis optimistas, realizadas dende o BNG ou dende a Xunta, que as equilibran".

Lavandeira fíxose hai dous anos coa primeira edición do certame Curtas na Rede co filme De Aldeanos, tamén polémico, no que preguntada unha moza por que non falaba galego, ela respondía que porque iso era "de aldeanos". Despois deste segundo traballo cunha temática centrada na lingua, pensa xa nunha terceira curta para completar a triloxía.


4,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: