Reta a compañía a que, de ser certo, faga público o suposto documento co recibín asinado polos representantes sindicais.
O sindicato CIG retrucou as declaracións da empresa de telemárketing Bosch Communication Center, relativas aos despedimentos no seu centro de traballo de Vigo.
A central denunciou a semana pasada que a multinacional xermana anunciara "despedimentos masivos", debido á "baixada da carga de traballo", mais sen entregarlle ao o Comité de Empresa a documentación pertinente sobre estes. Porén, Bosch nega as acusacións.
O secretario nacional da Federación de Banca, Aforro e Telemárketing da CIG, Clodomiro Montero Martínez, volveu asegurar esta fin de semana que a compañía comunicoulle os despedimentos ao Comité de Empresa "verbalmente" o 9 de xullo.
"En ningún momento fíxolle entrega de documentación ao Comité de Empresa, nin do número de persoas despedidas, nin da relación nin dos criterios para despedir a esas persoas, nin xustificou documentalmente a baixada do volume de chamadas", asegurou Montero, que retou a Dirección da compañía a facer público o suposto documento "co recibín asinado" polos representantes sindicais.
Este venres houbo unha concentración traballadores para protestar polos despedimentos, que a CIG considera "inxustificados" e que calculan chegará até o medio cento só neste mes.
Ademais, o sindicato presentou xa hai tempo varias denuncias na Inspección de Traballo e un conflito colectivo na Audiencia Nacional. Consideran que se está a incumprir o artigo 14 do convenio (.pdf / 720 KB), que obriga a ter un 30% de traballadores indefinidos. Aseguran, neste senso, que o propio responsábel de Relacións Externas de Bosch recoñeceu que a porcentaxe actual era xusto a metade.
"1.014 contratos temporais e 186 indefinidos"
"Estamos ante perto de 50 despedimentos neste mes por causas non demostradas e ante unha empresa que lidera a clasificación do abuso da contratación temporal na Comarca de Vigo e en Galiza con 1.014 contratos temporais e 186 indefinidos", afirmou Clodomiro Montero.
Este é un "feito non discutido", asegura o secretario nacional da Federación de Banca, Aforro e Telemárketing da CIG, "como tampouco se discute a apertura dun centro de traballo en Arxentina que atende algunha das campañas" das que se encargaban traballadores despedidos en Vigo.