Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Éxito do patrimonio mariñeiro do país

Así falaron os bretóns do mar de Galiza

O noso país foi primeira plana esta semana na Bretaña.

Redacción - 13:25 16/07/2008
Galeón Punta Pragueira

Galeón Punta Pragueira

Velaí a peza adicada a Galiza pola propia organización da festa:

"Benvida Galicia! En Brest 2008 tamén está convidada a flota galega, composta de vintecinco embarcacións tradicionais, que inclúe gamelas d'A Garda e d'A Coruña; dornas e bucetas do sur da Galiza; galeóns e lanchas xeiteiras da zona de Muros e unha mistura das artes de Vigo, Cesantes, Ribadeo e Carril, á parte dun barco a vapor de 1966 e unha goleta de 1918. Estas embarcacións foron fretadas pola Federación Galega Pola Cultura Marítima e Fluvial, un programa completo para promover o seu abondoso patrimonio marítimo, e máis a súa riqueza musical e gastronómica relacionada con mar. Benvida Galiza!

A miúdo coñecida como a Costa do marisco, Galiza atópase situada xeograficamente ao noroeste da península ibérica, entre o mar Cantábrico e o océano Atlántico. Dominada pola presenza de moitos accidentes xeográficos similares aos fiordes, inundados polo nivel do mar despois da idade de xeo. Esta zona, hoxe coñecida como rías, está dividida entre as Rías Altas (Cedeira, Ortigueira, O Barqueiro, Viveiro, Foz e Ribadeo) e as Rías Baixas (Muros e Noia, Arousa, Vigo e Pontevedra), que efectivamente supoñen unha clara diferenza entre a Galiza costeira e a interior. Estas rías son importantes para a pesca, e a súa paisaxe e a beleza salvaxe da costa constitúen un reclamo para os turistas".

"A vida en Galiza non é doada pero desenvólvese arredor da auga, de resultas esta rexión é coñecida no territorio español como a terra dos 1000 ríos. Estes estreitos ríos atravesan a zona, dende a montañosa rexión do interior até as rías, salpicadas ao longo da irregular liña de costa entre as tranquilas praias d'As Mariñas até os perigosos riscos da Costa da Morte, a "coast of death".

A auga na Galiza é un ben querido, de tal xeito que Muros, Corcubión e Camariñas organizan procesións marítimas honrando á virxe do Carme, mentres que Laxe, Malpica e Rianxo, engalanan os seus barcos en devoción á virxe María. Tamén son tradicionais as batallas navais de Muros, o festival da sardiña de Sada e o afundimento e posterior rescate dunha barca e a súa tripulación na ría de Laxe".

O village Galiza de Brest 2008 contén ampla información sobre o patrimonio marítimo e cultural, ademais de atraccións para os turistas. Poderán ser testemuños da construción dunha gamela no obradoiro, haberá actividades didácticas e mostras da tradición popular. A música e a danza tamén animarán o village Galiza, con grupos galegos famosos e coñecidos gaiteiros, acompañados de pandeireiras (mulleres que cantan e tocan un tamboriño). A gastronomía galega é tan variada que non hai unha receita senlleira que constitúa a personalidade do padal da rexión. A comida local é natural e sinxela, e dise que a calidade do seu marisco é incomparábel debido á riqueza do plancto que baña as súas beiras. En Brest haberá "empanada de atún" (unha sorte de pastel ao forno), polbo "á galega", salpicón (un salteado galego de bacallau), sardiñas asadas e melindres (sobremesa feita con xema de ovo)".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: