As confederacións empresariais de Ferrol renuncian á súa división e intégranse nunha soa entidade.
As bisbarras de Ferroltera, Eume e Ortegal medran por enriba da media galega e da española en cifras de emprego. No que vai de ano, creáronse nesta comarca 700 postos de traballo, un dato que o conselleiro de economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, considera positivo e que demostra que o conxunto dos empresarios e traballadores de Ferrol están a traballar a prol da creación de emprego e riqueza.
Entre os avances destacados polo conselleiro están a creación de chan industrial, proxectos como unha planta de biodiésel, iniciativas como o Plan Urban ou o cumprimento do Plan de Desenvolvemento Integral de Ferrolterra, en resposta á crise industrial e económica da zona despois das sucesivas reconversións navais.
Integración empresarial
Por outra parte, e presentado como ingrediente a maiores para o ttraballo pola dinamización económica da comarca, coñecíase este mércores que as entidades empresarias camiñarán cara ao esforzo conxunto despois de anos de pelexas. A Confederación de Empresarios de Ferrol (CEF) e a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (CEFEOR) uniranse nunha soa entidade, despois de anos de división. Nesta fusión, que se dará a coñecer nun acto público o vindeiro 29 de xullo, integraranse tamén outros colectivos, como a Asociación de Empresarios de Ferrolterra (AEF) e a Asociación de Usuarios de Chan Empresarias (SEARA) de As Pontes.
Segundo os dirixentes empresariais, esta fusión suporá a creación dunha soa voz que defenda as demandas do sector na bisbarra, fronte aos diferentes gobernos. Cada asociado manterá as súas particularidades, pero consensuaranse posturas comúns en temas como o emprego, as infraestruturas, as subvencións ou as políticas sociais. Con esta fusión, as dúas confederacións desaparecerán como entidades xurídicas propias e incorporaranse nunha soa entidade, que dará voz a unhas 1.200 empresas da zona.