Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
IR INDO EDICIÓNS

A Enciclopedia Galega Universal xa se pode consultar na internet

Anxo Quintana, que participou na presentación, considéraa unha ferramenta para impulsar a presenza da cultura galega na rede.

Redacción - 17:00 10/07/2008

Este xoves presentouse oficialmente a edición dixital da Enciclopedia Galega Universal (EGU) de Ir Indo Edicións. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, que participou na presentación, asegurou que vai supoñer "un antes e un despois" para a presenza de Galiza e do noso patrimonio cultural e lingüístico na Sociedade da Información.

Quintana apostou pola necesidade de empregar internet como vehículo que reforce a identidade cultural galega, na procura do enriquecemento e da normalización cultural e lingüística de Galiza. Tamén salientou que é preciso aproveitar a oportunidade de xerar contidos galegos e en galego para a rede, pois o 62% dos internautas do país consideran baixa ou moi baixa a presenza da nosa lingua na internet.

Na elaboración da enciclopedia tivéronse en conta a promoción da igualdade e mais a accesibilidade. Así, eliminouse a linguaxe sexista e incorporáronse sistemas de accesibilidade para as persoas con discapacidade, como entradas de voz para persoas cegas.

A Consellaría de Innovación e Industria achegou 60.000 euros para a adquisición dunha licenza corporativa da enciclopedia para o seu emprego nos centros da Rede Galega de Dinamización da Sociedade da Información e na adquisición de 2.000 licenzas individuais.

A Enciclopedia Galega Universal en Internet, ao igual que na súa versión impresa, é a primeira de carácter universal escrita integramente en galego. Editada por Ir Indo Edicións, incorpora vídeos, animacións e audios. Conta con 200.000 entradas permanentemente actualizadas, 20.000 mapas, 50.000 fotografías, material didáctico para profesores e alumnos, ademais de variados xogos e concursos.

No acto de presentación, que se desenvolveu no hotel Porta do Camiño, en Compostela, participaron, ademais do vicepresidente da Xunta, a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela; o director de Ir Indo, Bieito Ledo; o reitor da USC, Senén Barro, e o presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares.


3,89/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: