Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Este luns levan o caso á Xustiza

Co caso da axente electoral o PPdeG suma a terceira denuncia no xulgado ao bipartito

O secretario xeral dos populares, Alfonso Rueda, insiste en que é "o último recurso" para saber a verdade despois do que cualifica de "paripé parlamentario".

Redacción - 09:00 07/07/2008

Antes foi a resposta a acusación desde a dirección xeral de Montes á actitude dos alcaldes do PP durante a vaga de lumes de 2006. Fronte ás insinuacións de "sabotaxe, traizón e boicot" recibidas polos rexedores populares, o PPdeG decidira escenificar a súa resposta cunha querela nos xulgados. Máis recentemente foi o caso da adxudicación das obras da autovía do Barbanza, onde os populares escolleron levar aos tribunais un presunto caso de prevaricación.

Agora, para este mesmo luns estaba previsto que os representantes do PP se acheguen até os xulgados para presentar unha denuncia coa que piden que se investigue o caso da suposta axente electoral do PSdeG. Segundo afirman, dan este paso ao entenderen que "Galiza non merece nin se pode permitir ter un goberno baixo sospeita". Segundo o secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, os populares pretenden así que "a cidadanía non esqueza esta trama". De paso critica o que considera que foi un "paripé" durante a comisión de investigación aberta sobre o asunto no Parlamento. Considera Rueda que a investigación parlamentaria "pechouse cunhas conclusións que nada teñen que ver co que se intentaba esclarecer". "Non se esixiu ningunha responsabilidade sobre ningún membro do goberno malia constatárense moitas irregularidades", dixo Rueda.

Por este motivo, o PP vai este luns aos tribunais coa intención de que sexa un xuíz "quen reclame os documentos e as testemuñas ás que os grupos parlamentarios que sustentan a Xunta dixeron non" na comisión. "É necesaria a intervención da Xustiza para saber como se montou esta trama de corrupción coa colaboración de membros do Goberno", resumiu Rueda.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: