O de Ordes volveu, de novo, demostrar por que esta na elite do triatlón mundial. Este sábado foi sexto na Copa do Mundo de Hamburgo, a mes e medio das Olimpíadas.
Iván Raña
A falta de mes e medio para que comecen as Olimpíadas de Beixín 2008, o galego Iván Raña clasificouse, este sábado, na sexta posición da BG Copa do Mundo de Triatlón de Hamburgo.
O de Ordes aguantou ao ritmo dos mellores triatletas do mundo até o quilómetro 4 de carreira a pé. O vencedor foi o alemán Daniel Unger, que repetiu vitoria na cidade onde se proclamou Campión do Mundo en 2007.
Na ausencia de Gómez Noya, Raña demostra o que vale o triatlón galego
Raña demostrou este sábado que anda polo bo camiño, ao entrar a pouco máis de un minuto de Unger. Parece que o de Ordes vai de menos a máis esta tempada, e este sábado demostrou que non anda lonxe de poder conseguir un metal o vindeiro 19 de agosto en Beixín.
Alí tamén vai estar outro galego, o actual Campión do Mundo, Xavier Gómez Noya. Os dous van con opcións de medalla, e as súas actuacións nas probas internacionais están a ser impecábeis esta tempada.
Na clasificación xeral, a falta de 5 probas para a conclusión da tempada, Gómez Noya mantén o liderado, con 250 puntos, 39 máis do que o neozelandés Bevan Docherty, segundo clasificado; e 80 máis do que o ruso Ivan Vasiliev, terceiro. Iván Raña ascende, con esta clasificación, á 19ª posición.
Hidalgo corre o domingo
A proba feminina desenvólvese este domingo, a partir das 15:30 horas coa participación da galega Pilar Hidalgo, facendo parte do equipo estatal xunto con Ana Burgos e Ainhoa Murua.