Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Congreso de Enxeñaría do Transporte

Fronte ao colapso nas estradas: "Poñan o metro lixeiro na axenda"

Os expertos defenden a aposta polo tren de proximidade, non só con novas vías, senón co aproveitamento das existentes, en perigo coa chegada da alta velocidade.

Redacción / EP - 09:00 04/07/2008

"O metro lixeiro utiliza enerxía eléctrica para a súa mobilidade o que supón un índice moito menor de contaminación e case o dobre de rendemento que os actuais combustibles", destacaba este xoves Margarita Novales Ordax, membro do Comité Organizador deste VIII Congreso Internacional de Enxeñaría do Transporte e á vez especialista neste tema.

Novales puxo o exemplo da área metropolitana da Coruña e explicou que a proposta dun metro lixeiro para a cidade resulta "totalmente factíbel", recordando que está de feito en estudo un proxecto de introdución real deste no centro urbano da cidade. Salientou a redución na conxestión do tráfico urbano e interurbano e a valiosa alternativa aos vehículos privados que implicaría esta aposta. Margarida Novales propón a utilización da vía férrea que, partindo da praza de Ourense, chega até Betanzos.

Manter e reforzar as liñas férreas de proximidade

"O quilómetro de metro lixeiro é moi caro", apuntou Margarida Novales, "máis de doce millóns de euros e iso sería imposible de asumir para a área metropolitana, pero na Coruña podemos utilizar a vía ferroviaria que xa existe".Unha infraestrutura que, precisamente, corre o perigo de desaparecer coa entrada do TAV á cidade e o aproveitamento urbanístico da zona portuaria. Novales Ordax considerou que sería importante manter esta infraestrutura xa que "o máis difícil é dispoñer de espazo para ela, así que, unha vez que xa o temos, deberiamos mantelo e sacarlle a máxima rendibilidade".

Por outra parte, a experta tamén falou da necesidade de aplicarmos en Galiza medidas como os aparcamentos disuasorios, de grande éxito en países como Francia ou Alemaña. Unha proposta que consistiría en que os usuarios deste metro lixeiro na Coruña achegaríanse ás paradas nos seus vehículos privados dende Oleiros ou Cambre e deixaríanos nese párking, o custo do cal xa estaría incluído no billete do transporte metropolitano.
Por outro lado, o secretario da comisión de transporte do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos, Julián Sastre, asegurou que o sistema de metro lixeiro podería supoñer "unha solución definitiva para os problemas de tráfico nas cidades galegas". Sastre González recoñeceu que "é necesaria unha inversión moi considerábel", pero opinou que "as marxes de explotación deste sistema son moi importantes". Por iso, ao seu entender, "dispoñermos dun servizo de autobús en plataforma reservada é unha boa medida como etapa inicial, de forma que a cidade estea preparada para dar o salto ao metro lixeiro cando a demanda o xustifique".


4,6/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: