Celebración relixiosa centenaria neste concello, que trae até o val de Vilacoba a devotos de toda a comarca das Mariñas.
Cereixas / Flickr: cannnela
Venlle o nome a esta festa da esmorecente tradición que hai anos había na maioría de casas en Vilacoba de teren na súa horta cerdeiras, pexegueiros, xaponeseiros e outros froitos de óso que maduran nos primeiros días do verán. Daquela, os labregos aproveitaban a congregación de romeiros para venderen as súas colleitas.
Quedan agora poucas cerdeiras en Vilacoba. Aquelas que plantaran os avós da casa son árbores vellas que aínda fornecen dalgún froito. Pero para que a presenza das cereixas volva ser protagonista na Romaría que herdou tal nome, desde hai dez anos a comisión de festas encárgase de importar e repartir mostra do froito a todos os que se achegan o primeiro domingo de xullo a estas terras de Abegondo.
Na honra do San Paio milagreiro
Dende Carballo, Laracha e outros concellos de Bergantiños, a sona de San Paio como milagreiro vai máis aló das fronteiras mariñás. Seica, segundo se conta, o Santo de Vilacoba é especialista en curar doenzas dos ósos e o mal dos peitos das mulleres. Tamén aquí, os ofrecidos poñen aos pés de San Paio exvotos de cera que representan a parte do corpo que necesitan curar.