"Para superar unha materia histórica de Galiza, a aprendizaxe de idiomas", destináronse 300 prazas, 200 delas en Palencia.
Uns 300 alumnos participan este verán en 'campamentos bilingües' impulsados pola Xunta como parte dun programa de inserción lingüística "para superar esa materia histórica de Galiza, a aprendizaxe de idiomas", explicou Emilio Pérez Touriño este luns.
O idioma en cuestión é o inglés. Para comprobar in situ a marcha do programa, Touriño e máis a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, visitaron un campamento bilingüe nas Fragas do Eume, onde 50 alumnos asisten a un curso de lingua inglesa. Son estudantes de 6º de primaria que acudirán en dúas quendas.
A iniciativa "pioneira e innovadora", compleméntase con outras 200 prazas en campamentos bilingües fóra do país, concretamente en Carrión de los Condes (Palencia), nos que todo parece indicar que as dúas linguas serán castelán e inglés.
Potenciando un "ensino multilingüe"
Touriño indicou que se trata de "que os nosos rapaces e rapazas dominen e estean ben estabelecidos no proceso de aprendizaxe dun idioma estranxeiro, ademais do castelán e galego". Ademais, este verán convocáronse 2.500 prazas para estadías no estranxeiro para alumnos da ESO e Bacharelato en Francia e en Irlanda (300 alumnos en cada país), no Reino Unido (1.400) e, como novidade, en Canadá (500 prazas).
O presidente da Xunta explicou que se está a potenciar "un ensino multilingüe, onde a competencia lingüística en castelán e galego e nunha lingua estranxeira debe potenciarse e ser superada plenamente”. Neste senso, lembrou que 450 docentes están a realizar cursos específicos de lingua estranxeira no exterior, con estadías de entre 2 meses e 1 ano.