Dúas das balas, que procedían dunha pistola, bateron na cuberta do recinto onde o primeiro ministro portugués se reunira con centos de simpatizantes do PS.
Os medios de comunicación lusos recollen este sábado nas súas portadas un incidente que, aínda que non pasou a maiores, está a provocar unha gran preocupación. Os feitos producíronse este venres cando o primeiro ministro, José Sócrates, acudiu ao pavillón Arena, en Portimão, a un encontro con simpatizantes do Partido Socialista. Un descoñecido fixo polo menos seis disparos, hai versións que falan de sete detonacións, cunha pistola contra o recinto dende unha distancia de 130 metros. Dous dos proxectís foron parar á cuberta do recinto.
Segundo fontes gubernamentais, o primeiro ministro non correu risco xa que tiña abandonado o lugar, onde aínda quedaban centos de persoas, media hora antes dos feitos. Aínda así, numerosos axentes da Policia Judiciaria traballaban este sábado para intentar desvelar o que ocorreu e quen está detrás do atentado.
Polo de agora, confirmouse que a pistola que usou o autor ou autores dos feitos é do calibre 7.65, un tipo de armas que empregan habitualmente os membros das forzas de seguridade portuguesa.