O CGAC cumpre 15 anos cun conxunto de actos encabezados pola mostra 'Situación'. Tempo de facer balance e mirar cara ao futuro.
Os aniversarios son momentos de celebración, e por iso o Centro Galego de Arte Contemporánea programou para este verán, a partir deste venres, un conxunto de actividades que achegarán o museo ao público visitante. É momento de reflexión, de tirar leccións do feito até o de agora. E é momento de trazar plans de cara ao futuro, por exemplo para decidir as mudanzas sobre a figura xurídica do centro, que se deberá acometer nos vindeiros anos. O propio Manuel Olveira, director do museo, asume que esta modificación, que podería converter o CGAC nunha fundación ou nun instituto, é necesaria, pois "sería bo camiñar cara a fórmulas que lle permitisen ter unha maior autonomía na súa xestión".
O CGAC cumpre 15 anos. Que lección podemos tirar do feito até agora?
O CGAC é a institución pioneira da arte contemporánea en Galicia. Levamos 15 anos traballando e o museo foi medrando ao longo deste tempo, adaptándose á situación cambiante da arte contemporánea. E ao mesmo tempo o público foi pouco a pouco aproximándose e trabando unha forte relación coa arte contemporánea. Iso non é algo que se produza en cinco minutos, iso leva o seu tempo. Foron precisos estes 15 anos para que o museo poida chegar a esta situación de madurez. En quince anos o museo ten unha presenza no escenario da arte contemporánea a nivel mundial, ten unha personalidade e unha liña de traballo. Houbo diferentes maneiras de facer e de entender a arte contemporánea en función das diferentes direccións desta casa, pero sempre se traballou desde a calidade, e iso é moi bo para unha institución. Ademais, o museo está reforzado pola presenza da súa propia colección, e pola presenza de catro coleccións máis depositadas no centro.
E cara a onde se encamiña nos vindeiros anos?
A misión inicial do CGAC era dinamizar o panorama da arte contemporánea, amosalo, facer que a xente o entendese e o valorase. E ao mesmo tempo poñer ese panorama da arte contemporánea a nivel local en conexión co panorama a nivel internacional e facer unha programación de calidade. Todas esas misión mantéñense, pero as circunstancias son cambiantes, e obviamente nin Galicia nin a sociedade galega son a mesma ca nos anos noventa. Ten que buscar novas pontes, novas maneiras, novos mecanismos para seguir cumprindo estes obxectivos.
Máis museo ou centro de arte?
O CGAC dende o principio foi un museo e un centro de arte. Calquera institución pode ser un centro de arte, pero ningún museo pode decidir ser só museo. Se traballas coa arte contemporánea, é imposible que unha única colección dea conta da totalidade da arte contemporánea; polo tanto, calquera museo ten que traballar necesariamente dende unha perspectiva dunha programación de exposicións temporais, e para iso convérteste nun centro de arte. E somos un museo, porque temos unha colección, somos os responsables de facer un acopio patrimonial de arte contemporánea
Cres necesario un cambio de figura xurídica do centro?
O CGAC é herdeiro dun momento fundacional. Foi dos primeiros centros de arte contemporánea de todo o Estado, e precisamente por ser dos pioneiros ten tamén certas cuestións que é necesario cambiar. O CGAC é un organismo vivo que ten que adecuarse aos tempos. Cando naceu non había outros museos, que se foron creando despois. Agora sería bo camiñar cara a fórmulas que lle permitisen ter unha maior autonomía na súa xestión.
Existe unha distancia demasiado grande entre os centros de arte e o público? Existe distancia entre o público dos museos e o público xeral?
Hai sectores do público, non existe 'o público', iso é unha entelequia, unha invención que non di nada. Cada proxecto comunícase mellor ou peor con cada tipo de público. Iso vese no CGAC perfectamente: hai certo tipo de exposicións que están moi valoradas por determinados sectores e talvez outras máis valoradas por outros. Os públicos reais son públicos plurais, diferenciados.
Eu non creo que exista desinterese por parte do público cara á arte contemporánea, e non hai máis que ver os números de visitantes, en aumento. Si é certo que en case todo o Estado Español, e en Galicia en concreto, temos unha falta de tradición de entender a arte contemporánea como feito normalizado, ao contrario doutros países onde non houbo o corte dun período ditatorial. E logo hai outro aspecto a ter en conta: a arte contemporánea por definición implica innovación e experimentación, a propia palabra 'vangarda' que nós utilizamos moito implica 'ir diante de'. Polo tanto sempre hai pequenos desfases entre a sociedade e a arte.
Como ves o momento actual da arte galega? Podemos falar dunha xeración recoñecíbel?
A arte galega neste momento é debedora dunha situación de normalización institucional. Pensa que a principios dos noventa non había facultade de Belas Artes, non había museos, non había nin sequera política cultural tal e como a entendemos hoxe. Esta é unha xeración que, a diferenza doutras xeracións de artistas, conta cuns dispositivos de formación, de visibilización, hai unha serie de galerías que son moi importantes para a promoción da arte, e unha serie de institucións plurais e diferenciadas, que fan que os artistas novos teñan os mecanismos para proxectar o seu traballo no mundo.
Outra cousa é se ti me preguntas se debemos entender que existe unha xeración. Por un lado creo que temos pouca perspectiva temporal para afirmar ou negar iso; pero ademais creo que as características de pluralidade que hai na arte contemporánea hoxendía, as diferentes liñas de traballo e investigación, as prácticas tan heterodoxas que se están producindo, e sobre todo a gran difusión constante a través de internet, fan que en principio non se poida pensar nunha xeración. Creo que o que hai son liñas de traballo, prácticas moi diferentes que coexisten de forma plural. É unha das características do noso tempo: a pluralidade e a heteroxeneidade.
Que papel cumpren as galerías no sistema artístico galego?
A arte contemporánea é un sistema, un nicho ecolóxico con diferentes axentes, con diferentes roles, á hora de elaborar un produto artístico. Non todas as galerías traballan igual, pero todas esas diferenzas coexisten, creando un sistema, un entramado, o que nós chamamos o sistema da arte. Todas as galerías galegas teñen moita relación cos artistas, cos máis novos ademais. E a relación do CGAC con todos os axentes do mundo da arte é de dinamización, de complicidade, de entendemento. Para que o sistema estea vivo e funcione todos temos que participar, sobre todo para conseguir que a arte que se faga en Galicia estea en conexión coa que se fai noutros países.
E a formación artística en Galicia? Onde se debería incidir?
Na arte contemporánea sempre estamos construído, o noso tempo verbal é o xerundio. Sempre estamos facendo algo, nunca hai algo que poidas dicir: isto está acabado, isto está feito. No eido formativo, creo que as facultades de Xeografía e Historia, a de Comunicación e obviamente a de Belas Artes son lugares nos que se están formando os artistas. Pero a formación é algo moitísimo máis amplo ca uns estudos académicos; a formación é o que les, o que miras, con quen te relacionas. Hai que ter en conta que antes as relacións eran territoriais; relacionábaste con aquel que estaba perto de ti. Hoxe estamos en contacto con contextos culturais moi diferentes e moi desterritorializados.
Crear un "binomio entre identidade e modernidade"
Que diferencias atopas entre a escena artística galega e a catalá, que tamén coñeces moi ben?
A situación é diferente e é bo que sexa diferente. Creo que non temos que homologarnos a ninguén. Temos que afondar na nosa idiosincrasia, na nosa forma de ser, porque se somos dunha determinada maneira é porque somos herdeiros dun contexto moi concreto. Pero si que é verdade que hai moitas diferenzas entre o contexto catalán, no que traballei dez anos, e o contexto galego.
A gran diferenza é que no ámbito catalán dende a Transición creouse un binomio entre identidade e modernidade, mentres que en Galicia fíxose a asociación entre identidade e tradición. Polo tanto o tipo de estética resultante dese binomio é diferente. A outra gran diferenza é que en Galicia somos moitísimo máis individualistas. A tradición de asociacionismo de todo tipo que existe en Cataluña e no País Vasco non existe en Galicia. A terceira gran diferenza é que o sistema cultural catalán está moito máis articulado que o galego. A organización do propio sistema, a constitución dunha escena na que os axentes participan dunha determinada maneira, todo está aínda nos alicerces, hai que traballar moito máis.
Que papel debe cumprir a Cidade da Cultura na arte?
Como dixen antes, o centro ten que adaptarse en cada momento ao contexto, que sempre é cambiante. A Cidade da Cultura será un actor máis, que cumprirá unha función, que será necesaria. Daquela o CGAC terá que deixar algunha das funcións que exerce agora e colaborar co novo centro, do mesmo xeito que o fai co Marco ou coa Fundación Seoane.
Que nos vai amosar 'Situación'?
O obxectivo de Situación é precisamente o de fixar a 'situación' da arte contemporánea galega. Dixen antes que a arte contemporánea sempre é un proceso, pero ás veces é bo marcar un momento, para valorar o que se está facendo, que tipo de obras, que relacións se establecen entre os artistas, e entre os artistas e o sistema. Neste caso a exposición é moi interesante e vai sorprender. Xuntamos a seis artistas galegos novos, que traballan todos fóra, e encargámoslles a cada un unha obra que quixemos que fose impactante e ambiciosa, algo que seguramente non poderían facer sen un apoio como este.