Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
INTERCAMBIO

O hip-hop racha a fronteira entre Galiza e Portugal

Dealema (V. de Gaia) publican o seu disco no noso país e actúan en Vigo; e o colectivo Likor Café fan o mesmo ao sur do Miño.

Redacción - 12:30 17/06/2008

"Dealema sempre lembra Vigo", así cantan nun dos cortes do seu último disco os Dealema, unha das formacións máis importantes do hip-hop portugués. Chámase Segundas Vindas, e na canción pon a súa voz a viguesa Woyza, do colectivo Licor Café Produccións. Velaí a conexión. Os Dealema estarán este venres 21 na Sala A! presentando en Galiza o seu novo álbum V República, distribuído no noso país pola Lonxa Cultural. No concerto de Vigo estarán precedidos polo galegos 040, tamén de Licor Café.

En paralelo, tamén o hip hop galego comeza a escoitarse ao sur do Miño. Vén de saír á venda o primeiro disco de Licor Kafe, Licor Kafe Producciones Vol 1, un recompilatorio catro artistas con que o hip hop galego vai dar moito que falar. Componse de quince novos temas de hip-hop, soul e rap de 040, Aid, Woyza e El Puto Coke que podería supor o impulso definitivo para os ritmos urbanos da Galiza. O disco está sendo distribuído nas tendas de música de Portugal por Banzé e Compact Records.

Así mesmo, o 18 de xuño, a partir das seis da tarde, o colectivo Licor Kafé estará en Vilanova de Gaia, no Corte Inglés, presentando en directo o álbum. Non é a primeira vez que o hip hop dunha e outra banda do Miño colaboran nun proxecto conxunto. El Puto Coke e Woyza teñen colaborado con Discos de Mundo, Serial, Dealema e Mind da Gap, e o éxito das bandas portuguesas en Galiza é innegábel, como sucedeu coa última visita dos Da Weasel a Vigo e Compostela, onde estiveron teloneados polos Malandrómeda.

Como afirmou Fuse, líder dos Dealema, nunha entrevista concedida este domingo ao programa Radioceánica de Radio Galega Música, "estamos moi perto; non tería sentido que non fixésemos este intercambio".


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: