Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Penduran un retrato do ex presidente

"Colgan" a Cacharro na Deputación

No mesmo día, o actual goberno do ente provincial defendeu os fondos europeos conseguidos "grazas á reorientación das políticas" da Deputación de Lugo.

Redacción - 12:00 17/06/2008

O vello barón provincial do PP volveu este luns á sede do ente provincial para asistir á colocación do seu retrato no Pazo de San Marcos. No acto estivo presente o actual presidente da Deputación, Xosé Ramón Gómez Besteiro, e quen tamén estivera á fronte da institución, Xulio Ulloa Vence.

"Estas paredes teñen unha resonancia afectiva para min", confesaba Francisco Cacharro, quen foi presidente da Deputación de Lugo durante case 25 anos, entre 1983 e 2007. O seu retrato quedou colocado na parede da chamada Galería de Presidentes, no acceso ao salón de plenos. Fora encargado pouco despois da toma de posesión do actual mandatario, en cumprimento dunha das cláusulas do "regulamento de honra" da Deputación para os ex presidentes. O propio Cacharro elixiu como autora do retrato á artista María Xesús Carballo. "Con actos coma este recordemos determinadas etapas e pensamos como facemos as cousas antes, agora e despois", comentou Gómez Besteiro.

"Reorientación" cara ao aproveitamento dos fondos europeos
Na mesma xornada en que o ex presidente da institución chegaba de visita, o actual equipo de goberno aproveitaba para presentar o que consideran que é un dos exemplos da viraxe na xestión do ente. Así, subliñaron a captación "en só un mes" de até 20,6 millóns de euros de fondos europeos, xestión que consideran froito da "reorientación" das políticas da Deputación luguesa. Deste xeito, son xa 36,3 millóns de euros os que se ingresarán nos orzamentos do ente procedentes da UE.

Os proxectos concedidos son o Innova-TE, adicado ás novas tecnoloxías e promovido polo Inludes, organismo dependente da Deputación; LugO2, pensado para o aproveitamento económico dos espazos naturais da provincia; Lugo-Pacto Provincial polo Emprego, para a promoción laboral en colectivos con dificultades de inserción; e o Plan Urban, para a revitalización da zona vella do Concello de Lugo.


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: