Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise

A incoherencia da FAO

Mónica Vargas, do Observatorio na Débeda da Globalización, reflexiona sobre as conclusións dunha xuntanza da FAO que "non cuestionou o modelo agrícola nin a mercantilización do dereito á alimentación"

Canal Solidario - Mónica Vargas Collazos (ODG*) - 10:30 15/06/2008

Sorprende a incoherencia da tónica “mea culpa” vixente no recente Cumio da FAO. O presidente do goberno español promete 500 millóns de euros en axuda á cooperación para programas de seguridade alimentaria, o Banco Mundial anuncia que achegará cerca de 760 millóns de euros co mesmo obxectivo, e o documento final conclúe coa morna necesidade de "estudar máis profundamente" o impacto dos agrocombustibles.


Á súa vez, o Director da OMC, Pascal Lamy, insiste en que o libre comercio pode fortalecer a capacidade produtiva dos países empobrecidos. Hai incoherencia porque estas medidas e promesas non cuestionan o modelo agrícola industrial baseado na produción intensiva e na mercantilización dun dereito básico: a alimentación. E é curiosamente neste modelo onde se sitúan as raíces tanto da crise alimentaria como da crise ecolóxica global.

Por que este modelo é responsable do aumento dos prezos dos alimentos e do consecuente incremento do fame?
Porque é precisamente a liberalización dos produtos agrícolas a que permitiu dous fenómenos que son en gran parte responsables da crise alimentaria: a crecente especulación no mercado de futuros dos alimentos básicos e a concentración corporativa neste sector.

De acordo coa firma consultora AgResourse Co., nos Estados Unidos, o maior exportador mundial de trigo, millo e soia, o valor das compras destes grans no mercado de futuros representou arredor da metade do valor da colleita total. Por outra banda, estímase que a cantidade de diñeiro especulativo no mercado de futuros de commodities aumentou de 3.172 millóns de euros no ano 2000 a 111.000 millóns de euros en 2007.

As políticas de libre comercio impostas por actores como a OMC no sector agrícola, ao desmantelar os aranceis e proteccións que tiñan os países empobrecidos tamén son responsábeis da concentración empresarial en toda a cadea produtiva.

Industria alimentaria organizada para xerar beneficios
De feito, tal como expón Ian Angus , "a industria alimentaria global non está organizada para alimentar aos famentos, está organizada a fin de xerar beneficios para o agronegocio corporativo". E funciona: este ano, o crecemento do volume de negocios e das ganancias anunciado polas principais compañías que operan na agroindustria é extraordinario.

Os beneficios netos da estadounidense Cargill en abril aumentaron de 86% fronte ás cifras do ano anterior, sumando 653 millóns de euros. As vendas de Bunge creceron de 70% e as de ADM 64%. Cal é o grao de incidencia destas empresas ás cales a crise alimentaria non parece afectar? Determinan o que será producido, como será producido, definen prezos e seleccionan quen producirá os alimentos.

Así por exemplo, Cargill, ADM, ConAgra, Bunge e Dreyfus dominan máis do 80% do comercio mundial de cereais, mentres que Monsanto é a principal empresa de sementes comerciais e a quinta no sector dos agrotóxicos. No caso específico da soia, Bunge, ADM e Cargill controlan 75% do mercado mundial e 80% da industria procesadora na Unión Europea.

Por que o modelo agrícola industrial é tamén causante do quecemento global?
Porque a agricultura industrial e a deforestación que a acompaña son responsábeis respectivamente do 13.5% e do 18.2% das emisións dos gases de efecto invernadoiro. Ademais, en todas as fases da produción interveñen os combustíbeis fósiles.

Na área dos agrocombustíbeis situámonos aquí ante un paradoxo: promóvenos no sector do transporte (que é responsábel do 13.5% das emisións) como unha alternativa ao petróleo. No entanto, a súa produción, ao ser a gran escala e pretender responder ás inmensas necesidades de consumo enerxético nos países do Norte esencialmente, implica fortalecer o modelo agrícola industrial. Xa que logo, atópanse moi lonxe de ser unha solución en termos ambientais.

Ao non tomar medidas inmediatas fronte a estes factores que son responsábeis das crises sociais e ambientais que sacoden ao planeta, o Cumio fallou. Pero o seu fracaso máis contundente débese a que excluíu totalmente os principais afectados.

Agrupadas nun evento paralelo, organizacións de campesiños e pequenos produtores (é dicir 80% da poboación que sofre de fame) denunciaron o poder da agroindustria e da liberalización da agricultura. A súa resposta é diametralmente oposta á do Cumio: non piden "seguridade" senón soberanía alimentaria; opóñense aos agrocombustíbeis a gran escala e piden que os gobernos se concentren na produción sostíbel de alimentos en pequena escala.


Apuntan a complexidade da agresión neoliberal da que son obxecto e que pasa os baleiros discursos do Cumio. O modelo agrícola industrial implica a apropiación e o saqueo da terra, un recurso estratéxico. E para iso, aplícase unha descampesinización feroz, particularmente nos países empobrecidos.

Discurso oco
Esta expulsión dos campesiños, indíxenas e afrodescendentes potenciouse aínda máis co auxe dos agrocombustíbeis. Pero eles xa non falan de "expulsión", falan de desterritorialización. Porque o que perden, ante a presión dos agronegocios por estender monocultivos de palma aceiteira, soia, millo ou cana de azucre en millóns de hectáreas, é o seu territorio, é dicir a súa cultura, a súa vida e xa que logo, a súa dignidade. É ante esta corrosión dos seus ancestrais sistemas agrícolas, alimentarios, políticos e culturais que reivindican a soberanía alimentaria. Pero esta voz foi excluída do Cume e o "mea culpa" segue sendo un discurso oco.


(*) Mónica Vargas é investigadora do Observatorio da Débeda na Globalización (ODG), unha rede coordinada de persoas e equipos dedicados ao activismo de investigación. As súas investigacións concéntranse no problema de relacións Norte-Sur e na creación de débedas entre comunidades durante o actual proceso de globalización.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: