Será o vindeiro 21 de xuño na Coruña. Os que saben como xogan gaban o seu nivel. Desta volta, o equipo é mixto, e cos homes xoga unha muller, Vicky Alonso.
A Dirección Xeral para o Deporte, dirixida por Marta Souto, a Concellaría de Deportes da Coruña, con Xoán Martínez Caxigal á cabeza, e a Federación Galega de Deportes de Minusválidos Físicos (FGDMF), da que é presidente José Luís Álvarez, presentaron o partido amigábel de baloncesto en cadeira de rodas que ha enfrontar a Galiza e a China.
O encontro será o vindeiro sábado 21 de xuño, ás 20:30 horas no Polideportivo da Sagrada Familia, no Barrio das Flores da Coruña.
Na presentación do encontro, a máxima responsábel do deporte galego, Marta Souto, destacou o alto nivel deportivo da selección galega, non só dentro do Estado, senón en toda Europa, e sinalou a importancia de darlle pulo, dende as institucións, ás nosas seleccións, co fin de ter uns equipos o máis preparados posíbel.
Desta volta, ademais, vai seleccionada unha muller, Vicky Alonso, que tamén ten xogado coa selección estatal, que quedou o ano pasado de cuarta no Campionato de Europa.
A súa estrea
A selección galega en cadeira de rodas estreouse en competición o pasado mes de maio, no Campionato Estatal por Autonomías. Alí, os galegos deron boa mostra do seu bo xogo, gañándolle o primeiro partido a Euskadi por 59-41; e o segundo a Castela e León, por 63-49. No terceiro partido a irmandiña atopouse cunha potente selección andaluza que non lle deixou gañar o campionato, xa que anotou 75 puntos, fronte os 48 dos galegos.
O galego Lorenzo Envo foi elixido como mellor xogador do torneo.