Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Este martes, primeiro xuízo en Ferrol

A construtora Eshor podería afrontar unha querela criminal por 'escravismo'

A CIG acusa a empresa de "explotación a inmigrantes" e estuda iniciar o proceso xudicial se a Fiscalía do TSXG non actúa de oficio.

Redacción - 19:50 10/06/2008

O sindicato CIG estuda presentar unha querela criminal contra a construtora Eshor por "atentado contra o dereito dos traballadores" polos casos de "explotación laboral a inmigrantes" que se producen na empresa.

Este martes tivo lugar en Ferrol un xuízo pola denuncia dun operario de orixe marroquí contra a construtora, con sede no polígono de Vilar do Colo, Fene, e que conta con arredor de medio milleiro de empregados. Este foi despedido o día despois de romper un brazo en accidente laboral.

Ao tempo, máis de medio cento de delegados sindicais da CIG concentráronse ante os xulgados. O responsábel comarcal en Ferrolterra, Xesús Anxo López Pintos, anunciou antes da vista xudicial que solicitarán unha reunión coa Fiscalía do TSXG para pedir que interveña de oficio no caso.

Segundo o representante sindical, Eshor obriga aos traballadores estranxeiros a asinar unha renuncia laboral voluntaria, que se fai efectiva no momento en que sofren un accidente ou realizan algún tipo de reclamación. Deste modo, son despedidos de forma inmediata sen dereitos laborais.

"Escravismo do século XXI"

A CIG afirma que Eshor leva a cabo un "escravismo do século XXI" cos traballadores estranxeiros, que representan "case o 90%" do total dos empregados. Incluso, segundo demostra un informe elaborado pola Garda Civil do que dispón a CIG, "falsean as súas sinaturas" na renuncia laboral.

Os traballadores inmigrantes, sinala a CIG, realizan xornadas laborais de 55 horas, incluídos sábados e festivos, sen percibir horas extras, e baixo "a ameaza de quitarlles o pasaporte e devolvelos ao seu país". No último "ano e medio" cursáronse "case 580 baixas voluntarias", afirman.


4,64/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: