Varios centos de persoas -uns 700, segundo a Policía Local, e uns tres mil, segundo a organización- exixiron este domingo en Ferrol a retirada da planta.
Imaxe aérea da planta de gas
Varios centos de persoas -uns 700, segundo a Policía Local, e uns tres mil, segundo a organización- manifestáronse este domingo nas rúas de Ferrol para pedir a retirada da planta de Reganosa.
Convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, a marcha partiu sobre as 12.00 horas do Porto de Curuxeiras, dende onde se dirixiron á Casa do Concello.
Nese punto uníronse aos manifestantes membros do colectivo que levaban toda a semana pechados no consistorio como medida de presión para exixir a "retirada inmediata" da planta regasificadora.
Fin do peche
Precisamente alí, o voceiro do Comité, Rafael Pillado, anunciou a fin do peche xa que conseguiron o "compromiso" do goberno municipal de que se pronunciará oficialmente a prol de que "se cumpra a legalidade".
"Só queremos que se faga xustiza e que se apliquen dunha vez por todas sentenzas de 2004 favorábeis á retirada da planta", afirmou Amador Ferreiro, membro da organización.
Dende o Comité consideran ademais que Reganosa constitúe "o maior escándalo de corrupción política, económica e mediática da democracia" e alertaron de que, de non ser paralizada a súa actividade, "pode chegar a converterse nunha enorme traxedia".
"Tras oito anos de loita" na actualidade existen "novas ameazas de Reganosa" -apuntaron- entre as que están a "voadura da canle de entrada a ría", a "ampliación da capacidade de regasificación" ou o "transporte de gas natural licuado en camións cisterna".
Apoio de A Ría Non Se Vende
A rede de colectivos A Ría Non Se Vende expresou o seu apoio á mobilización e fretou un servizo de autobuses para "facilitar a asistencia" á convocatoria.
Neste senso, manifestaron tamén que amparan ás plataformas en defensa do litoral que tamén este domingo se manifestaron en Compostela contra o Plan Acuícola, coincidindo co Día Mundial dos Océanos e co final da Semana do Ambiente.
Así, aínda que dende A Ría Non Se Vende lamentaron "non poder asistir" a esta mobilización, fixeron un chamamento á participación da cidadanía e manifestaron o seu "rexeitamento" a este plan.