Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara ao desenvolvemento do rural

Euskadi fíxase no Bantegal para o despregue do seu banco de terras

Segundo os responsábeis do proxecto, o menor minifundismo e a tradición de mellor coidado de montes, facilitará o seu despregue.

Redacción - 09:00 09/06/2008

O goberno vasco ten en marcha o seu Programa de Desenvolvemento Rural, PDRS, un proxecto a seis anos elaborado pola actual Consellaría de Agricultura, Pesca e Alimentación, con catro eixos principais: mellora do medioambiente e do contorno rural; calidade de vida na área rural e diversificación económica, enfoque Leader e aumento da competitividade do sector agrícola e forestal.

Neste contexto, unha das pezas introducidas nese plan foi a posibilidade de despregar un banco de terras, proxecto concreto no que xa se está traballando. Nesa tarefa, a administración vasca reparou na iniciativa posta en marcha en Galiza pola Consellaría de Medio Rural. Así, Alejandro Cantero, representante da empresa pública vasca IKT, viaxou esta semana a Galiza para coñecer de forma máis profunda o Banco de Terras de Galiza e, en compañía de Cándida Grande, xerente do Bantegal, analizou o funcionamento deste proxecto.

Na procura do "relevo xeracional" no agro
Segundo lle explicou a Vieiros o responsábel de IKT, trátase dunha vella idea manexada polo goberno vasco e que até o de agora nunca se conseguira levar á práctica. Cantero valora moi positivamente a experiencia galega, e considera que o banco de terras terá en Euskadi unha estrutura moi semellante á do noso país. Así e todo, na súa opinión, o rural vasco ofrece algunhas características que farán máis doada a súa introdución, e destacou nese sentido o menor problema de abandono das terras e o impacto máis reducido do microfundismo. Por outra parte, a necesidade do relevo xeracional e tamén unha preocupación fundamental á hora de poñer en marca o banco de terras vasco.

A iniciativa dará os seus primeiros pasos este mesmo ano, coa creación dunha oficina virtual, ao xeito de Bantegal.com, que funcionará en liña como "lonxa de terras". Será despregado en colaboración cos departamentos de agricultura das tres deputacións vascas e de feito podería incluír desde o inicio terreos que estean agora mesmo baixo a titularidade destas administracións.

Rápido crecemento en Galiza
Aos dous meses da súa posta en marcha, o Banco de Terras pechaba 2007 en Galiza coa suma de 3.500 hectáreas, repartidas en 4.500 leiras que deste modo eran rescatadas do abandono.

Estes terreos son ofrecidos baixo réxime de aluguer, non superior a 30 anos nin inferior a cinco. Os prezos estarán vixentes até o 31 de decembro de 2008 e servirán sempre como referencia máxima para as transaccións. Unha hectárea de terreo improdutivo terá un valor máximo de 13 euros anuais, mentres que unha hectárea de viñedo preferente poderá chegar até os 337 euros.


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: