Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Remata a investigación parlamentaria

Malia os "feitos incontestábeis" a comisión da axente electoral conclúe con só recomendacións

Desde o PP pedían continuar a investigación e o PSdeG acusábaos de ter "mala conciencia" respecto da emigración.

Redacción - 09:00 04/06/2008

A reafirmación da necesidade de que o Goberno promova a reforma da lexislación electoral antes das próximas eleccións autonómicas e coa fin de garantir o escrutinio dos votos emitidos polos residentes no exterior "non máis tarde do terceiro día seguinte ao das eleccións", é unha das principais recomendacións coas que remata esta comisión de investigación.

O ditame inclúe tamén o recordatorio do pacto parlamentario que insta ao goberno español a promover a reforma lexislativa que garanta o voto en urna dos residentes no exterior. Ademais, subliña que desde a próxima convocatoria electoral, a Xunta debería "limitar as viaxes institucionais ao estranxeiro ás citas de obrigado cumprimento ou a razóns de extrema urxencia".

Tamén se pide do Goberno que se fixe unha normativa que garanta "obxectividade, concorrencia e publicidade" nas viaxes de carácter humanitario "que, por razóns de enfermidade, reagrupamento familiar ou outros precisen os residentes no exterior, primando aquelas viaxes que teñen unha maior urxencia ou necesidade social, e asumindo o seu financiamento con cargo ao orzamento da Xunta".

Tirapuxa parlamentario Segundo o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, o ditame da investigación sobre a presunta axente electoral do PsdeG "amosa un relato dos feitos incontestábeis". Nese sentido, Aymerich considera que o presidente da Xunta "debe estar á altura" e cumprir "co seu compromiso de adoptar as decisións oportunas". O deputado nacionalista entende que as conclusións da comisión apostan por destacar as necesidades para a "rexeneración democrática e as garantías para que o voto dos residentes no exterior sexa con procedementos idénticos aos do voto no interior".

Desde o PpdeG reaccionaban este martes indicando que a única fraude institucional da que se ten noticia nos últimos tempos "é a entrega por parte de Núñez Feijoo dun cheque da Deputación de Pontevedra na súa viaxe a México". "Que faría Feijoo na emigración galega, cando era vicepresidente da Xunta, para ter tan mala conciencia sobre o comportamento dos emigrantes galegos", preguntábase ademais o voceiro do PsdeG, Ismael Rego.

Mentres, desde o PPdeG consideran que a investigación debera continuar e ven aínda fíos dos cales tirar até "chegar ao fondo do asunto". Segundo o voceiro parlamentario do PpdeG este mércores, Antonio Rodríguez Miranda, serían necesarias novas comparecencias para aclarar as "irregularidades" acontecidas. O deputado do PP tamén criticou o que na súa opinión foi a axuda do Bloque aos socialistas para "encubriren" a fraude.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: