O programa galego de educación ambiental que estes días recibe a beizón da ONU, inclúe entre as súas actividades a creación de pequechas estacións meteorolóxicas escolares.
Saben que no último mes en Burela houbo cinco días de treboada? ou que en Outes a temperatura media andou entre os 11 e os 21º? E que en Ribadavia o termómetro chimpou aos 29º, e en Rodeiro baixou até -9º este inverno, e que en Meis houbo catro días de néboa os últimos trinta días?
Son todos datos recollidos por meteorólogos en potencia, desde as aulas e a través das estacións meteorolóxicas escolares, Meteoescolas desenvolvidas a pé de aula ao abeiro do Proxecto Climántica. O Instituto de Ensino Secundario Poeta Añón, en Outes ou o IES Perdouro, en Burela, son exemplo de centros escolares que participan nesta iniciativa.
Moitos deles teñen tamén en funcionamento as súas propias bitácoras, onde fan seguimento de informacións relacionadas co medio ambiente e coas propias áreas temáticas traballadas nas aulas. Así por exemplo, na bitácora do IES Praia Barraña comentaban hai pouco sobre o deserto do Sahel, "un territorio de transición entre o deserto do Sáhara, no Norte de África e as sabanas e bosques das zonas tropicais"; no blog do IES Terras de Xallas recomendaban uns xogos que viran na web da National Geographic e no caderno dixital do IES Poeta Añón desafían a identificar dez especies nunha galería fotográfica.
Unha iniciativa que se consolida en Galiza e abre fronteiras fóra
Climántica achega un conxunto de actividades posíbeis e unidades didácticas propostas para as escolas do país e involucra xa a máis de 150 colexios de primaria e secundaria. O contido está relacionado con materias diversas do currículo escolar, desde bioloxía e xeoloxía até a xeografía e historia, pasando pola física e a química, a tecnoloxía e a economía. Unha iniciativa que, segundo os seus promotores, busca interrelacionar conceptos, facilitar a comprensión do cambio climático e á vez introducir os principais problemas ambientais do planeta de xeito sinxelo.
Elaborado por un equipo de mestres coa axuda das consellarías de Medio Ambiente e Educación, a iniciativa chegou esta semana até Nova York, onde expertos das Nacións Unidas valoraron positivamente a idea. Un dos responsábeis medioambientais da ONU, Munyaradzi Chenje, destacou o valor do proxecto como modelo de referencia no eido da educación e a comunicación ambiental e falou da posibilidade de adaptalo para o seu uso noutros lugares.