Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Investigación parlamentaria

Feijoo pide a cabeza de altos cargos socialistas polo caso da axente electoral

Trátase dos conselleiros de Traballo e Presidencia, do alcalde de Muxía -que compareceu este xoves- e da deputada Marisol Soneira.

Redacción - 18:15 22/05/2008
Feijoo, acompañado por Afonso Rueda, esta quinta feira

Feijoo, acompañado por Afonso Rueda, esta quinta feira

O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, pediu a dimisión dos conselleiros de Traballo e de Presidencia, Ricardo Varela e Xosé Luís Méndez Romeu, respectivamente, así como a do alcalde de Muxía, Félix Porto, e a da deputada Marisol Soneira.

Os catro poderían estar vinculados no financiamento da suposta axente electoral do PSdeG María Isabel Blanco, que esta cuarta feira asegurou na comisión de investigación parlamentaria que traballara "ás ordes" de Porto para solicitar o voto na emigración.

Feijoo considerou que o presunto financiamento con fondos públicos dunha suposta axente electoral do PSdeG supón unha "fraude económica, parlamentaria, laboral, electoral e política" que obriga a "que o Goberno asuma a súa responsabilidade".

É un feito "gravísimo e sen precedentes", afirmou Feijoo, "o suficiente como para actuar con contundencia", polo que emprazou ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a decidir de que lado quere estar, "do da ética e a democracia, ou do da fraude".

Touriño asumirá as conclusións da comisión
Á saída do Consello de Goberno, esta quinta feira, Touriño comprometeuse a asumir as conclusións ás que chegue a comisión de investigación que investiga o caso. No entanto, pediu que se deixe que os deputados "fagan o seu traballo", polo que evitou pronunciarse sobre como como transcorren as comparecencias.

Félix Porto, pola súa banda, anunciou esta mesma xornada no Parlamento -onde compareceu tamén como responsábel de Unións Agrarias- que "escoitará as barbaridades" que dixo María Isabel Blanco para "estudar a posibilidade de presentar unha querela".

O alcalde de Muxía insistiu en que actúa "por vinganza" porque non lle estendeu a vinculación laboral de Blanco co sindicato agrario -a través dun contrato con Viticultores do Castro e subvencionada pola Consellaría de Traballo- unha vez que este finalizou. Segundo a versión de Félix Porto, a suposta axente electoral ameazouno con que "se acordaría dela".


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: