José Fernández Ramos (PSdeG-PSOE), deixara o seu cargo o pasado 24 de marzo.
O alcalde de Bergondo, José Fernández Ramos, faleceu este mediodía no seu domicilio á idade de 53 anos, segundo informou o propio concello deste municipio. Están decretados tres días de loito oficial e mañá haberá un pleno extraordinario da Corporación local. Está previsto que a capela ardente quede instalada no edificio municipal da Senra, en Bergondo, desde esta mesma tarde.
O día 18, ás 18.00 horas, partirá a comitiva fúnebre en dirección ao convento de San Salvador de Bergondo, onde se celebrará o funeral de corpo presente. Posteriormente, terá lugar o enterro no cemiterio municipal de Betanzos. O alcalde en funcións, José Francisco Mata, decretou hoxe tres días de loito oficial. Mañá, ao mediodía, a Corporación Local de Bergondo celebrará unha sesión plenaria extraordinaria.
José Fernández Ramos deixou o cargo de forma transitoria por motivos de enfermidade, o pasado día 24 de marzo, asumindo o cargo o segundo tenente de alcalde, José Francisco Mata Buyo, xa que a primeira, Alejandra Pérez Máquez, non accedeu por ocupacións laborais. Fernández Ramos (PSdeG-PSOE) presidía o equipo de goberno local desde 1999. Desde o pasado mes de setembro presidía o Consorcio das Mariñas tras ser elixido por unanimidade polos alcaldes dos municipios que forman parte do ente supramunicipal.