Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Paralización cautelar

O TSXG detén a promoción dunha urbanización en Miño

Dende o concello xa recorreron a sentenza que impide a construción deste proxecto que ocuparía un área de 15 hectáreas.

Redacción - 14:15 13/05/2008
Recreación da urbanización sobre a marisma de Baixoi. FOTO: federacionecoloxista.blogsome.com

Recreación da urbanización sobre a marisma de Baixoi. FOTO: federacionecoloxista.blogsome.com

O Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) ordenou a paralización da construción dunha urbanización de 700 vivendas prevista no concello de Miño. O desenvolvemento desta área, na zona de monte Piñeiro, foi impugnada por dúas das empresas que optaron ao concurso, Vallehermoso e Areal. Agora, o concello vai recorrer este fallo alegando que o proceso se fixo con total transparencia.

O alcalde de Miño, o popular Juan Maceiras, indicou que xa se recorreu o proceso iniciado por Vallehermoso, e que deu lugar á paralización cautelar das expropiacións, por non estar fundamentado, xa que non se lles deu lugar a presentar alegacións á hora do concurso. Dende a empresa, pola súa banda, solicitan a anulación do plan parcial, aprobado o pasado ano, por erros durante a tramitación. Apoiando a paralización das obras están tamén o PSdeG de Miño, unha plataforma de afectados e varios colectivos ecoloxistas.

A sostenibilidade do proxecto está tamén en dúbida. Dende Verdegaia aseguran que a construción da urbanización, que ocuparía un área de 15 hectáreas, está a ameazar a marisma de Baixoi, "afectaría aos procesos de sedimentación, á vexetación e sobre todo á fauna da mesma" aseguran. O representante da organización ecoloxista en Ferrol, Antón Fortuna, asegurou que xa presentaron alegacións contra este proxecto, debido á necesidade de Miño de contar con máis zonas verdes, e ao desproporcionado número de vivendas que supón esta área e que "non se correspondía coa poboación que poderían situar na zona".

Plan de sustentabilidade
Trala aprobación do plan parcial, o seguinte paso para a construción da urbanización é o da expropiación. Segundo indica o alcalde de Miño, actualmente "todos os terreos foron vendidos ás empresas, pero aínda non se tramitaron as expropiacións". Para completar os trámites necesarios está pendente a aprobación por parte da Xunta do proxecto urbanístico, que antes require da aprobación do informe de sostenibilidade.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: