A ONU advertiu este xoves da polvoreira libanesa no medio dun baleiro administrativo. Mentres, Hesbulá acusa o goberno de declararlle a guerra.
"Os libaneses teñen unha oportunidade única de comezar un capítulo novo na súa complicada historia", afirmaba este xoves Terje Roed-Larsen, coordinador das Nacións Unidas para o Proceso de Paz en Oriente Medio. Roed-Larsen advertiu da grave situación que está vivindo o país agora mesmo e dos perigos que para a fráxil estabilidade de toda a rexión pode ter o que aló aconteza.
O representante da ONU dixo agardar que unha vez se complete a escolla dun novo presidente, poida seguir o camiño para "a reafirmación da soberanía do Líbano, da súa integridade territorial, unidade e independencia política". "A ONU é consciente de que o Líbano está sendo campo de batalla dos que buscan desestabilizar a rexión no seu propio beneficio", advertiu ao respecto. Larsen cualificou a delicada situación actual como a máis grave desde que rematou a guerra civil nos anos 80.
Nas últimas horas, o escenario de confrontación seguiu medrando, e nas rúas houbo enfrontamentos violentos entre os que apoian o actual goberno e os partidarios da oposición liderada por Hesbulá. O cruce de tiros na capital, Beirut, deixou cando menos media ducia de mortos nas últimas horas.