Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
No remo

A galega María Victoria Piñeiro podería competir entre os homes

O regulamento da Federación Internacional non permite que unha muller sexa timonel de oito, pero as cousas poderían mudar no seguinte campionato estatal.

Redacción - 13:55 08/05/2008

Hai tempo que a directiva do clube cántabro Astillero teima por meter á súa timonel habitual, a galega María Victoria Piñeiro, nos campionatos oficiais, que están rexidas pola normativa da Federación Española, cuxos designios rexe, á súa vez, a Federación Internacional (FISA). Mais nos regulamentos desta última contémplase que está prohibido que unha muller compita como timonel nunha embarcación de homes, e viceversa.

Mais a timonel galega considera que isto pode mudar e que pode ser que teña oportunidade de participar no vindeiro campionato estatal, en xuño (galado polo seu equipo nos últimos dous anos). De feito Piñeiro recoñeceu que nun comezo víao máis do que complicado, pero que agora, tras a reacción favorábel das ministras de Educación, Mercedes Cabrera, e Igualdad, Bibiana Aído, todo "pode ir cara adiante" este ano.

O caso de Piñeiro chega ao goberno español

Tras coñecer o que acontecía con María Victoria Piñeiro, a ministra de Educación, Mercedes Cabrera esixiulle á Federación Española de Remo que realizase os cambios precisos no código de regatas para que os timoneis de ámbolos dous sexos poidan tomar parte nas competicións de remo de oito con timonel, un posto baseado, segundo dixo "na pericia, e non na forza física".

Tamén o secretario de Estado para o Deporte, Jaime Lissavetzky, remitiu un escrito ao presidente da Federación solicitando que se estude un cambio na normativa para eliminar a discriminación de xénero.

A primeira muller nun estatal de remo a 8 con timonel
Daquela, se se mudase o regulamento, Piñeiro podería ser a primeira muller que disputa un campionato estatal, cousa que lle parece, segundo dixo, un avance para as mulleres que practican o remo.

"Nun futuro, que polo menos nos teñan en conta e que non quede un barco en terra porque non teña un timonel home", di a remeira galega, que chegou ao Astillero hai anos clube co que foi subcampioa estatal de bateis.

Mais a Federación Española non as ten todas consigo, e, segundo declaracións do presidente da Federación Cántabra, José Antonio Martínez de Liaño, todo depende do código de regatas da Federación Internacional e el mesmo dubida que esta normativa se vaia mudar: "a Federación Cántabra non vai saír do que di a Federación Española e estou seguro de que a Federación Española, á súa vez, non vai saír nada do que di a Federación Internacional".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: