Poucas horas despois de que se coñecese a decisión da Audiencia Nacional estouraron tres bombas en Arrigorriaga e Donostia que só causaron danos materiais.
O xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón ordenou a última hora da tarde deste mércores o ingreso en prisión da rexedora de Arrasate, Inocencia Galparsoro (ANV). O maxistrado considera que a alcaldesa da localidade guipuzcoana cometeu un delito de colaboración con ETA e outro de desobediencia á orde de suspensión de actividades de ANV.
Galparsoro encabezou en maio de 2007 a candidatura de ANV, que logrou sete concelleiros. No municipio de Arrasate, que conta con 22.000 habitantes, tamén están representados o PSE (4), PNV (4), Ezker Batua (3), Eusko Alkartasuna (1), PP(1) e Aralar(1).
Os grupos municipais de Ezker Batua, Eusko Alkartasuna e Aralar fixeron público un comunicado no que exixen a posta en liberdade da alcaldesa de Arrasate, ao considerar que non hai razóns obxectivas para un encadeamento que cualifican de "inexplicábel".
Bombas
Poucas horas despois da decisión xudicial, e coincidindo co Primeiro de Maio, estouraron tres bombas en distintos puntos de Euskadi. As explosións producíronse poucos minutos despois da medianoite deste xoves. O primeiro artefacto estoupou na localidade biscaína de Arrigorriaga, fronte a un local do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e os dous restantes, colocados en Donostia, tiñan como obxectivo o Instituto Vasco de Seguridade e Saúde Laboral. Só produciron danos materiais, e de escasa importancia.